Coruña, San Domingos da

Coruña, San Domingos da

Igrexa parroquial situada na Coruña. O primitivo templo gótico do s XIII, erixido xunto á porta de Aires, destruíuse en 1589 tralo ataque de Drake. No 1617 edificouse un templo clasicista que foi substituído a partir de 1762 por unha construción do dominicano frei Manuel dos Mártires. De estilo barroco e de orde dórica, ten planta de cruz latina cunha soa nave, cuberta cunha bóveda de medio canón con lunetos e cunha bóveda de media laranxa sobre o cruceiro. No exterior destaca o desprazamento da torre da fachada con respecto ao eixe de simetría do edificio. No interior, cómpre salientar os retablos neoclásicos de Xosé Antonio Estévez e as tallas barrocas de Mateo de Prado (1653). A capela clasicista do Rosario, onde se venera a patroa da cidade, concluíuse en 1676; no seu interior destaca un retablo de Domingo de Andrade.