Coruxo, San Salvador de
Igrexa parroquial situada en Vigo. Pertenceu a un antigo mosteiro beneditino de orixe incerta: puido ser fundado por san Froitoso ou ser un dos mosteiros cluniacenses visitados por Dalmacio no s XI. A primeira noticia documental refírese á estancia do abade Paio I de Celanova (1074-1091) que fuxía de Elvira, da familia dos Traba. En 1142, Afonso VII concedeulle o cenobio ao mosteiro de San Salvador de Celanova. No 1152, o mesmo monarca outorgou o privilexio de couto ao mosteiro de Coruxo e cedeu a illa de Santo Estevo (illa do Faro no arquipélago das Cíes) co cenobio alí instalado. No 1185, ao afiliarse o mosteiro de Santa María de Oia á orde do Císter, algúns dos monxes non acordes con esta decisión ingresaron no mosteiro de Coruxo. Os privilexios foron confirmados por Afonso IX (1152) e Fernando III (1232). No 1378 Xoán de Castro, bispo de Tui, permutou, co mosteiro de Celanova, a igrexa da Madalena de Ribadavia polo mosteiro de Coruxo e a illa e o mosteiro de Santo Estevo, que pasaron a pertencer ao bispado de Tui. Posteriormente, a illa pasou a mans dos franciscanos e en Coruxo desapareceu a vida monacal. Do antigo mosteiro consérvase a igrexa. Trátase dunha construción de planta de cruz latina cunha soa nave no eixe lonxitudinal e no cruceiro, e con tres ábsidas que son o único resto conservado do primitivo templo románico dos s XII. As ábsidas son semicirculares con tramo recto, de maiores proporcións a central, e comunícanse entre si por pequenas portas. Os arcos triunfais son de medio punto nas ábsidas menores e apuntado na central, todos dobrados e apoiados en pilastras. Os tramos rectos cóbrense con bóvedas de canón que seguen a mesma directriz ca os arcos de acceso aos presbiterios, mentres que na parte semicircular son bóvedas de cuarto de esfera. A ábsida central tiña en orixe tres fiestras que se cegaron por mor da colocación dun retablo moderno; sen embargo, en cada unha das ábsidas laterais aparece unha ventá de estrutura completa, con arco de medio punto sobre columnas coas bases áticas e capiteis con dúas ordes de follas, as inferiores rematadas en pomas. A ábsida central ensina no exterior as fiestras cegadas e o beiril sostido por unha colección de canzorros de proa e outros con elementos xeométricos ou vexetais. As ábsidas laterais amosan ventás de estrutura completa, na do lado sur distínguense en cada un dos capiteis un personaxe espido coas mans na cintura, mentres que na ventá da ábsida setentrional os capiteis son vexetais e desapareceron as bases e as columnas. Nos dous casos, baixo os beirís aparecen canzorros de proa. A nave construíuse tempo despois, inda que probablemente se empregaron pedras da primitiva igrexa. A cuberta é abovedada, mentres que o cruceiro se cobre con bóveda de crucería de catro nervios. Na fachada principal destaca a espadana de dous ocos coroada por un elemento construído posteriormente.