Cosa Nostra

Cosa Nostra

Organización criminal de carácter mafioso dotada dunha xerarquía paramilitar e dunhas determinadas normas de comportamento. As súas orixes sitúanse a comezos do s XIX na Sicilia occidental. Estaba vinculada a unha estrutura social na que o latifundio dominaba a estrutura produtiva da illa e a burguesía constituía unha minoría dependente dos gabellotti, delegados dos terratenentes absentistas, que se converteron nos amos da illa. Presenta unha estrutura e un desenvolvemento verticais pero a base da organización é a familia, entendida como un grupo mafioso que controla un certo territorio, en xeral un país -ou máis dun se é pequeno-, unha vila ou cidade, ou ben un barrio dunha gran cidade. Exercía unha función de soberanía sobre un territorio determinado e impuña unha fiscalidade ilegal xeneralizada (pizzo) mediante as relacións e os vínculos -incluídos os subornos- coa política e as institucións públicas. O sistema de acceso pode ser ben mediante unha chamada ou ben por medio da cooptación, pero en ambos os dous casos inclúe unha especie de xuramento. O xefe ou capofamiglia nomea un conxunto de persoas que desempeñan os postos de maior autoridade dentro da familia: o consiglieri, o capidecina e o piciotti. O líder actual pertence ao grupo dos Corleone. Aínda que as principais sedes están localizadas en Sicilia (Palermo, Trapani, Marsala, Agrigento e Catania), ten ramificacións en diversas rexións e cidades italianas, EE UU, Canadá, Suíza, Francia, Reino Unido e Rusia. Formada por unhas 120 familias en Sicilia, conta con máis de 6.000 membros na rexión de Palermo.

Palabras veciñas

cos | cós | Cos | Cosa Nostra | Cosa, Juan de la | cosaco -ca | Cosas de Lugo