cosaco -ca

cosaco -ca

(< fr cosaque < ruso kazak ‘cabaleiro’)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos cosacos.

  2. s [ETN/HIST]

    Individuo do pobo cosaco.

  3. s m pl [ETN/HIST]

    Poboación orixinariamente nómade que habita nalgunhas rexións da Ucraína, Rusia e Polonia. As primeiras compañías de cosacos formáronse durante o s XV, cando Ucraína formaba parte do Estado unificado de Lituania e Polonia, para defenderse contra os ataques dos tártaros. Contaban entre os seus membros con individuos de orixe polaca e rusa, pero tamén con servos fuxitivos, desertores e persoas descontentas co goberno de diversos países. Organizábanse seguindo os principios de igualdade social e política, constituíndo entidades autónomas. Cada comunidade elixía como líder un atamán, que dirixía a tropa de cabaleiros, mentres que unha asemblea formada por todos os cosacos elixía o hetman. Vivían da caza, da agricultura, da pesca ou mesmo dos asaltos e as pillaxes. Ao final do s XVI xa existían grupos ben caracterizados e os máis destacados eran os do Don e os do Dniéper, que gozaron durante longo tempo dunha total independencia. Participaron nas revoltas campesiñas en Ucraína e Rusia durante os ss XVII e XVIII acollendo os refuxiados de Polonia e Rusia; pero durante o reinado de Pedro I o Grande perderon moita da súa independencia ao se integraren nas forzas militares rusas como unha clase militar privilexiada. O goberno ruso empregounos para defender as súas fronteiras e para estender a súa influencia ata Siberia. Os cosacos mantiveron a unidade e a propiedade común da terra, ata que unha lei de 1869 lles permitiu a propiedade privada de terras aos oficiais e serventes. Durante o goberno dos últimos tzares, a finais do s XIX e principios do s XX, empregáronse con frecuencia como represores das folgas e revoltas. Trala Revolución Rusa (1917) loitaron contra o exército soviético durante a Guerra Civil (1918-1920). En 1920 perderon os seus privilexios e sufriron unha colectivización forzosa (1928-1930). Ao longo do s XX o seu folclore, en particular as danzas e as cancións, estendéronse por todo o mundo segundo foi avanzando o s XX.

Palabras veciñas

Cos | Cosa Nostra | Cosa, Juan de la | cosaco -ca | Cosas de Lugo | cosaute* | Coşbuc, George