Coseriu, Eugenio
Lingüista. Iniciou os seus estudos en Iaşi e, en 1940, trasladouse a Roma, Padua e Milán, cidades en que exerceu o xornalismo. De 1951 a 1958 foi catedrático de Lingüística na Universidad de Montevideo e, a partir do 1963, ensinou filoloxía románica e lingüística xeral en Tübingen. Dedicouse, sobre todo, a estudar cuestións teóricas e metodolóxicas relacionadas practicamente con todos os aspectos da linguaxe (lingüística xeral, filoloxía ou historia da lingüística). Así, tratou o cambio lingüístico, as relacións entre lingüística e lóxica, a sistematización do léxico, etc, e definiu e distinguiu o particular, o xeral e o universal na linguaxe.
Entre os seus libros de contido monográfico destacan Sincronía, Diacronía e Historia (1958), un dos clásicos da lingüística contemporánea, Sprache, Strukturen und Funktionen (A fala, estruturas e funcións, 1970), Lecciones de lingüística general (1977) e Textlinguistik: Eine Einführung (Introdución á lingüística textual, 1980), xunto con colaboracións, como Einführung in die transformationelle Grammatik (Introdución á gramática transformativa, 1975), con G. Narr e R. Windisch, o tratado Linguistics and Semantics (Lingüística e semántica, 1974), con H. Geckeler, ou Leistung und Grenzen der transformationellen Grammatik (Capacidade e límites da gramática transformativa, 1971), con G. Narr.
Unha parte das súas investigacións recóllense en recompilacións de estudos e artigos dispersos, como Teoría del lenguaje y lingüística general (1962), Tradición y novedad en la ciencia del lenguaje (1977), Principios de semántica estrutural (1977), Estudios de lingüística románica (1977), El hombre y su lenguaje (1977) e Gramática, semántica, universales (1978).
Foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Vigo (1995).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Romanía -
Falecemento
Lugar : Tubinga, Alemaña