Costa, Lúcio

Costa, Lúcio

Arquitecto e urbanista francés. Estudiou pintura e arquitectura na Escola Nacional de Belas-Artes de Rio de Janeiro. Representante do modernismo en Brasil, asociouse nos anos vinte con George Warchavchik. En 1930 nomeárono director da Escola Nacional de Belas-Artes, pero ante a oposición aos seus proxectos educativos dimitiu do cargo. Entre 1935 e 1939 dirixiu o equipo encargado da construción da nova sede do Ministério de Educação e Saúde, coa participación de Le Corbusier. En 1938 proxectou xunto con Oscar Niemeyer o pavillón brasileiro da New York World’s Fair e en 1957 gañou o concurso do plano de Brasilia, a nova capital. Participou na fundación do Serviço de Patrimônio Histórico e Artístico Nacional e dirixiu dende 1947 a Divisão de Estudos e Tombamentos. Entre os seus escritos teóricos destacan Razões da nova arquitetura (1930), Considerações sobre o ensino da arquitectura (1945) e A crise da arte contemporânea (1959). Recibiu o Gran Premio da I Bienal de São Paulo (1951) pola construción dos edificios de apartamentos do Parque Guinle de Rio de Janeiro. A Universidade de Harvard nomeouno profesor honoris causa en 1960.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Toulon

  • Deceso

    Lugar : Rio de Janeiro