Costa Beiro, Alfonso

Costa Beiro, Alfonso

Artista plástico. Foi director do Taller de Gravado de Noia que leva o seu nome. Con 17 anos trasladouse a Barcelona, dende onde desenvolveu a súa traxectoria artística, moi ligada a Galicia. Estudiou na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e asistiu ao obradoiro do gravador Dimitri Papageorgiu. En 1972 recibiu unha bolsa da Fundació Joan March para ampliar estudios en Florencia e en 1983 outra do ministerio de Cultura. Abrangueu diversos campos da plástica, entre eles a pintura, a escultura, o deseño gráfico, a ilustración, o gravado, o deseño de decorados e a pintura mural. A súa obra, situada nunha liña surrealista e onírica, caracterízase por un debuxo dinámico e aínda que figurativa, en ocasións amosa unha certa abstracción. Entre as súas obras cómpre destacar a pintura realizada para o Instituto Frenopático de Barcelona (1981-1984), os murais do Instituto Xelmírez de Santiago de Compostela e os do antigo edificio da Central Leiteira Leyma na Coruña (1985). Entre as series de gravados que realizou sobresaen Barcelona e A princesa Alba, realizada xunto con Pujol Boira (1975-1980); as augafortes para Longa Noite de Pedra de Celso Emilio Ferreiro, xunto con Concha Ibáñez (1977); Tempo de Compostela (1978), sobre poemas de Salvador García Bodaño; Homenaxe a Zabaleta, xunto con Caty Juan, Concha Ibáñez e Pascual Casaubón (1980); e Homenaxe a Goya (1980). Ilustrou, entre outras obras, O conde de Viloide, de Xavier Costa Clavell (1985); Memóries dun nen pagés, de Xosé Neira Vilas (1985); e Álvaro Cunqueiro: dos discursos, de Manuel Fraga (1991). Colaborou en La Voz de Galicia e realizou portadas para libros e revistas e decorados para televisión. Entre os premios que recibiu destacan a Medalla Nonell (1970), o Premi Ynglada-Guillot (1973), o Premio Nacional de Dibujo Pancho Cossío (1975), o Premio Ciudad de Barcelona e o Premio Ciudad de Palma. En 1984 concedéuselle a medalla da vila de Noia.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Noia