Costa Clavell, Xavier
Escritor. Realizou estudos en Lugo e, posteriormente, licenciouse en Xornalismo en Barcelona. Viviu a maior parte da súa vida na cidade condal dedicado ao xornalismo e á literatura. Colaborou en distintos medios de comunicación de Galicia (La Voz de Galicia, Faro de Vigo e O Correo Galego), Barcelona (La Vanguardia, El Periódico, Diario de Barcelona, Bouquet e Comer y beber) e Bos Aires.
Como narrador publicou en castelán, entre outros títulos, Literatura gallega actual (1957), Rosalía de Castro. Vida y obra (1967), Los gallegos (1970), El sexo, arma política (1971), Perfil conflitivo de Galicia (1976), El verano del 36 (1976), Los últimos días de la República (1975), Las dos caras de Galicia bajo el franquismo (1977), Bandolerismo, romerías y jergas gallegas (1980), Todo Pontevedra, Vigo y Rías Bajas (1980), Guía de Galicia (1984), Castelao: entre la realidad y el mito (1986); así como varias obras de carácter gastronómico: Gastronomía gallega en Barcelona, La cocina gallega, La cocina vasca. No eido da poesía é autor de El caballo de Atila, Mi voz en carne viva (1962) e El hombre y la muerte (1966). En galego publicou as novelas O conde de Viloide (1985), A Monchiña (1987), Agora que vou morrer axiña (1993), os libros de narracións Soños e cores e Lume esmorecido (1999) e a recompilación de artigos Sempre Galicia no meu corazón (1991). Como poeta sacou do prelo A rouca gorxa do meu ser (1963) e Os anos do vougo e outros poemas (1977). É autor tamén de catálogos de exposición (La pintura de Patiño, 1990) e colaborador da revista Arte Galicia.
En 1991 recibiu o Pedrón de Honra polo seu labor a prol da difusión da cultura galega.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Chantada -
Falecemento
Lugar : Barcelona