Costa da Morte

Costa da Morte

Denominación que recibe un sector do litoral, de delimitación imprecisa, do NO da Comunidade Autónoma de Galicia (entre as comarcas de Bergantiños, A Coruña, Fisterra e Terra de Soneira). O accidentado da costa e a súa situación fronte a rutas de navegación moi transitadas provocaron un gran número de naufraxios con víctimas mortais, sobre todo en situacións de temporal, de aí o nome que recibe.
Xeografía
Debido ao seu carácter de denominación popular, allea a calquera demarcación administrativa ou histórica, existen dificultades para concretar con precisión a súa delimitación exacta: deste xeito, pódese afirmar que a Costa da Morte comprendería o tramo costeiro que se estende entre Louro (no concello de Muros, que pecha polo O a beira setentrional da ría de Muros e Noia) e o cabo de Santo Adrián (Malpica de Bergantiños), aínda que tamén se pode considerar que se prolonga polo L ata Arteixo (punta Langosteira, no cabo Cociñadoiro), incluíndo o seo de Baldaio (Carballo). De feito, na proposta galega para a Rede Natura 2000 levouse a área desta denominación ata o remate da praia de Sabón. Tamén se pode restrinxir o seu límite meridional no cabo Fisterra. Unha costa recortada e con moitos baixíos contribúe a agravar as consecuencias dos naufraxios. Segundo a delimitación máis ampla, no interior deste treito de costa incluiríanse as rías de Ézaro, Corcubión, Lires, Camariñas e Corme e Laxe. Tamén se alternan no seu interior grandes areais, como as praias de Louro, Lariño, Carnota, Traba, Laxe e, xa ao L, Santo Adrián, Razo, Baldaio e Barrañán. O cabo Touriñán, no concello de Muxía, constitúe o punto máis occidental da Península Ibérica e da Europa Continental, condición que antigamente se lle atribuía erroneamente a Fisterra (Finis Terrae). A Costa da Morte abrangue varios enclaves declarados como áreas de interese natural dentro da Rede Natura 2000: as marismas de Baldaio, as illas Sisargas, a enseada da Ínsua, a lagoa de Traba, o cabo Vilán e o cabo Fisterra. Nas marismas de Baldaio, na enseada da Ínsua e na lagoa de Traba invernan colonias de aves acuáticas; en Traba hai tamén un interesante sistema de dunas. As illas Sisargas e o cabo Vilán acollen as principais colonias de gaivotas e araos dos cons de España.
Historia
Historicamente, na Costa da Morte rexistráronse grandes traxedias, como a do buque escola británico The Serpent, que naufragou en 1890 fronte ás costas da parroquia de Xaviña (concello de Camariñas); naquel accidente morreron 172 tripulantes que foron soterrados no cabo Trece, no lugar coñecido como Cemiterio dos Ingleses. As melloras nos instrumentos de axuda á navegación non remataron por completo cos perigos deste sector da costa; en novembro de 1987 embarrancou fronte ao cabo Fisterra o mercante panameño Casón, que ao incendiarse provocou unha nube tóxica que obrigou a evacuar a máis de 15.000 habitantes dos concellos de Fisterra, Corcubión, Cee, Muxía e Camariñas.