Costa Martínez, Joaquín

Costa Martínez, Joaquín

Xurista, escritor e político. Licenciado en Dereito e Filosofía e Letras, doutorouse en Xurisprudencia (1875). Foi profesor de lexislación comparada na Universidad Central (1874), pero renunciou ao seu cargo xunto con Francisco Giner. Foi un dos membros fundadores da Institución Libre de Enseñanza (1876), na que deu clases de leis e de historia, ademais de dirixir o BILE. Influído polo krausismo e polo historicismo alemán, e politicamente autodeclarado como republicano federalista, mantivo unha vida política moi activa, caracterizada pola súa oposición ao sistema da Restauración. Considérase como o principal pensador do rexeneracionismo, que propuña reformas socioeconómicas e políticas, entre as que destacan a reforma agraria e a loita contra o caciquismo. Entre as súas obras cómpre salientar Colectivismo agrario en España (1898), Reconstitución y europeización de España (1900), Crisis política de España (1901), El problema de la ignorancia del derecho (1901), Oligarquía y caciquismo como la forma actual del gobierno de España (1901), na que analiza a situación da España finisecular, e La tierra y la cuestión social (1912). Os seus escritos pedagóxicos agrupáronse en 1916 na antoloxía Maestro, escuela y patria. En colaboración con Manuel Pedregal, Rafael Altamira e Gervasio González Linares escribiu Derecho consuetudinario y economía popular en España, publicada en varios tomos.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Monzón, Huesca

  • Deceso

    Lugar : Graus