cotovía

cotovía

(

  1. s f [ANIMAL/ORNIT]

    Ave dos xéneros Galerida e Lullula da familia dos aláudidos, que se caracterizan por presentar curupelas -que despregan especialmente na época nupcial-, peteiros finos e algo longos e a plumaxe de cor, predominantemente parda manchada. Camiñan lixeiras, para o que se axudan da longa unlla do dedo posterior das patas. Crían no chan, sen chegar a facer un niño que, como moito, conta con algunhas plumas da femia. Os pitos son nidícolas e non tardan en cubrirse de plumas e afastarse do lugar de incubación. Os adultos teñen un canto melodioso que emiten cando están pousados ou voando, fundamentalmente na época de cría.

    Sinónimos: cotrola, curucheira. Confrontacións: laverca.
  2. cotovía cristada [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 17 cm de lonxitude, coa plumaxe ocre, o peteiro longo e fino e os tarsos libres de plumas. Aliméntase fundamentalmente de invertebrados do chan. Emite o canto mentres voa de xeito ondulante. As poboacións que viven en latitudes meridionais están formadas por aves sedentarias -aínda que as que viven en montañas poden realizar movementos invernais cara ás ladeiras menos frías-, mentres que as que viven en latitudes setentrionais son migradoras. Habitan en chairas ou terreos pouco accidentados das zonas temperadas e cálidas da rexión Paleártica e nas partes menos áridas dos desertos do Sáhara e Arabia. Existen vinte subespecies, das que dúas están presentes na Península Ibérica: G. cristata cristata, que se distribúe por Galicia -asociada a ladeiras de solaina das serras orientais-, Centroeuropa, Suecia e os Países Bálticos, e G. cristata pallida no resto da Península.

  3. cotovía montesa [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 15,5 cm de lonxitude, coa plumaxe ocre, o peteiro algo longo e fino e grandes tarsos libres de plumas. A especie distribúese en dúas áreas independentes: unha na Península Ibérica -onde ocupa a área mediterránea e o norte de África-, e outra en Etiopia e Somalia.

  4. cotovía pequena [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 14 cm de lonxitude, de peteiro fino e recto, coa plumaxe críptica e cunha franxa branca na ala a xeito de bandeira. Distribúese en bosques abertos polo Paleártico occidental, dende a Península Ibérica ata as montañas de Irán. En Galicia está presente en áreas abertas, as máis das veces, asociadas a prados para o gando.

Formas incorrectas

cutuluvía

Palabras veciñas

Cotos | Cotos, Pedro de los | cotote | cotovía | cotra | cotrimoxazol | cotroeiro