laverca

laverca

(< xermánico laiwerko)

Nome científico: [Alaudaarvensis, Fam dos aláudidos]
s f [ANIMAL/ORNIT]

Paxaro de ata 17,5 cm, cabeza, peito e partes superiores pardas con listas máis escuras en contraste coas partes inferiores cun ton entre branco e ocre. A parte anterior da cara é pálida e destaca unha curta crista na cabeza, que levanta cando se excita. Ten un voo irregular e move as ás de forma rápida producindo un voo ondulante. As lavercas regresan en pequenos grupos despois de ter invernado na conca do Mediterráneo e aos poucos días, empezan a cantar e realizan a súa primeira posta. O niño sitúase nunha depresión no chan. Comunmente ten catro ovos, postos entre maio e xuño e pode haber dúas roladas anuais. Aliméntase tanto de herbas e sementes de plantas silvestres ou grans de trigo ou centeo, como de arañas e insectos. É unha ave de distribución paleártica, que non está presente nas áreas máis setentrionais, pero si no N de África. É sedentaria en toda a Península Ibérica, con individuos invernantes. En Galicia repártese pola totalidade do territorio, ata os 1.600 m. É moi común na beiramar, en dunas e terreos baldíos, na Galicia media, nas terras cultivadas, na montaña e nos ermos e lugares con vexetación de moi escaso porte, como as queirogas. Aniña habitualmente no Courel e no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés sitúase preferentemente por riba dos 800 m.

Sinónimos