Cotte, De

Cotte, De

Familia de arquitectos franceses activos nos ss XVII e XVIII. Fremin de Cotte (s XVII), arquitecto real, escribiu Explication facile et briefve des cinque ordres d’arquitecture (Explicación doada e breve das cinco ordes arquitectónicas, 1644). Tamén foron arquitectos o seu fillo Charles de Cotte (?-1662) e os seus netos Louis de Cotte (?-1742), membro da Acadèmie des Beaux Arts, e Robert de Cotte (París 1656-Passy 15.7.1735), o máis destacado da familia. Foi arquitecto da corte (1689), director da manufactura real dos Gibelinos (1700) e sucedeu o seu mestre, Jules Hardouin-Mansart, no cargo de primeiro arquitecto do rei (1708). Con Mansart traballou na capela do palacio de Versalles (1708-1710) e na construción da Cúpula des Invalides. Sen afastarse do clasicismo francés, suavizou o rigorismo académico. Realizou a reconstrución do coro de Notre Dame de París (1708-1714) e construíu, entre outros, o Hôtel de Bouvallais (1717?), o Hôtel d’Estrées (1713) e o Hôtel du Lude (1715). Proxectou uns planos para o palacio do Buen Retiro de Madrid, que non se realizaron. Traballou na fachada da igrexa de Saint-Roch (1731-1742), que rematou o seu fillo Jules Robert de Cotte (1683-1767). Director da manufactura dos Gobelinos e da fábrica de moeda, encargouse da dirección da irrealizada obra do palacio do Buen Retiro.