Couceiro Freijomil, Antonio
Filólogo, pedagogo e poeta. En 1904, ao tempo que estudiaba na Escola Normal de Mestres de Santiago de Compostela (1906-1909), estableceu un colexio na capital do Eume. Rematada a carreira, estudiou o bacharelato. No ano 1910 aprobou as oposicións de maxisterio e pasou a exercer de mestre na Escola Graduada de Lugo, traballo que realizou simultaneamente co exercicio libre do ensino secundario. O seu desenvolvemento persoal e intelectual articulouse ao redor do autodidactismo, a lectura continua e o exercicio da docencia; concibía a educación como un proceso de formación completo que debía abranguer tanto o plano intelectual coma o político, social e ético. En 1917 aprobou, sen pasar pola Escola de Estudios Superiores de Maxisterio, as oposicións para a inspección de ensino primario. Exerceu este novo cargo en Ourense ata 1936. Nesa mesma cidade, ademais de casar con Elisa Pavón Rodríguez, achegouse ao xornalismo e foi redactor xefe do Diario de Orense, e colaborador de La Zarpa e Galicia. Tamén colaborou en El Norte de Galicia, Vida Gallega, El Compostelano, El Correo Gallego e La Noche. Durante a Ditadura de Primo de Rivera foi nomeado inspector xefe. Compartiu esta actividade coa investigación no Seminario de Estudos Galegos, do que foi membro electo dende o ano 1928, malia manter unha actitude crítica co grupo Nós. De moderado sentimento galeguista, a súa orientación pedagóxica foi de corte psicobiolóxica, cunha fundamentación científica, na liña de E. Claparède ou de A. Binet, que non obstante amosaba pouca preocupación polas relacións do contorno da escola. Coa chegada da Segunda República, A. Couceiro estreitou os seus lazos coa educación colaborando en xornais e revistas profesionais, como Magisterio Orensano, órgano da Asociación Nacional de Maestros, ou a revista da ATEO (Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Ourense). Coa Guerra Civil foi trasladado a Santiago de Compostela pola desconfianza que para o novo réxime ofrecían os seus escritos; posteriormente, foi nomeado colaborador da Oficina Técnica Administrativa de Depuración del Personal de Educación Nacional, cargo do que foi relevado a petición propia. Entre 1939 e 1942 volveu exercer en Ourense, ata que obtivo o traslado á Coruña. No ano 1941 foi elixido membro de número da Real Academia Galega. Ademais de posuír unha completa biblioteca, depositada no Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos, destaca a súa extensa e variada produción bibliográfica, que vai dende a poesía á historia, pasando pola filoloxía e a pedagoxía. Entre as obras da súa autoría cómpre destacar, como filólogo, Ortografía Gallega. Bases para su unificación (1929), El Idioma Gallego. Historia. Gramática. Literatura no tomo correspondente a Geografía General del Reino de Galicia (1935) e os tres volumes do seu Dicionario bi-bliográfico de escritores gallegos (1951-1953); como poeta, Lóstregos (1925), colección de cantares populares que se publicaron ampliados baixo o título Do meu feixe no diario ourensán Galicia, e o seu poema “Galicia”, premiado nun concurso poético de Ourense (13.10.1926); como pedagogo, Los factores del desenvolvimiento humano (1934), Los niños anormales y su educación especial (1936), tradución dunha parte da Hygiène Scolaire de Mèry e Gênévrier, e Programa escolar (1955); e como historiador e ensaísta, La bandera de Galicia (1929), Un menudo pleito literario (1930) e Historia de Pontedeume (1944). Deixou inédito o seu Catálogo de impresos compostelanos del XVII al XIX e Cousiñas, unha colección de mil cantares e contos presentados, no ano 1951, ao Premio Castelao do Centro Gallego de Bos Aires.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Pontedeume -
Deceso
Lugar : Santiago de Compostela