Courbet, Jean-Désiré-Gustave
Pintor francés. Trasladouse a París en 1839 coa intención de estudar dereito, pero axiña se dedicou á pintura. Rexeitou asistir a escolas oficiais e aprendeu no Louvre copiando as obras de Caravaggio ou Velázquez. As súas primeiras obras teñen un carácter romántico, como Guitarrero (1845) ou L’homme à la pipe (O home da pipa, 1846). No Salon de 1844 admitíuselle o autorretrato Courbet au chien noir (Courbet cun can negro, 1842). O seu estilo cambiou en 1850 cando presentou ao Salon dese ano tres obras de grandes dimensións, iniciadoras do realismo: Un enterrement à Ornans (Enterro en Ornans, 1849), Les paysans de Flagey revenant de la foire (Os campesiños de Flagey regresando da feira, 1850) e Os picapedreiros, que foi destruída durante a Segunda Guerra Mundial. Identificado polo pobo co socialismo revolucionario, colaborou con Pierre-Joseph Proudhon na súa obra Du principe de l’art et de sa destination sociale (Os principios da arte e o seu significado social, 1865?). En 1855, a Exposición Universal de París rexeitou L’atelier du peintre (O estudo do artista, 1854-1855), subtitulado Allégorie réelle, intérieur de mon atelier, déterminant sept années de ma vie artistique (Alegoría real, interior do meu estudio, recapitulando sete anos da miña vida artística). Organizou entón unha exposición das súas obras, que titulou Le Réalisme e escribiu o prólogo do catálogo da mesma, considerado o manifesto do realismo, no que proclamou o seu desexo de reflectir os costumes, as ideas e os aspectos característicos da súa época. O realismo levouno tamén a unha interpretación da temática sexual con gran liberdade: Les dormeuses (Os dormentes, 1866). Realizou unha serie de cadros de temática mariñeira e cultivou a escultura. En 1870 rexeitou a Cruz da Lexión de Honor. Deputado da Comuna de 1870 e delegado de Belas Artes, á caída desta declarárono culpable do derrubamento da columna Vendôme e foi encarcerado e condenado a pagar unha multa. Rexeitado no Salon de 1872 e ante a imposibilidade de pagar a multa, fuxiu a Suíza e dedicouse á produción en serie. A súa arte representou a inquietude social e intelectual da súa época.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ornans, Doubs -
Deceso
Lugar : La Tour de Peilz, Suíza