Courtier, Ricardo
Músico e compositor. Recibiu a primeira formación musical co seu pai, Xosé Courtier, violinista que tivo como discípulo a Pablo Sarasate. Posteriormente, estudiou a carreira de piano no conservatorio de Madrid. Rematados os estudios, foi director da banda de música da Pobra de Trives, ata que acadou, por oposición, a praza de director da Banda Municipal de Ourense (1910). A banda ourensá conseguiu con el triunfos en distintos certames. Dedicou parte da súa actividade á composición; escribiu a música para a zarzuela Flor de cardo, sobre texto de Antonio Suárez de Puga, estreada no Teatro Eslava de Madrid o día 25 de maio de 1904. Ten un só acto dividido en catro cadros, en prosa e verso, e editouse na imprenta de S. Velasco, en Madrid. A acción transcorre en terras valdeorresas; o río Sil aparece nomeado repetidas veces. A muiñeira da obra está dedicada a Helena Quiroga Velarde. Da súa produción destacan, ademais, as pezas Rosicler, Hechizo, El Club, Os Noitébregos, De pándiga, Evita, El garrotín de Viluma, Rosariño, Villoria, Conchiña e Angelines. Foi nomeado responsable da sección musical do Ateneo Ourensán e asesor do orfeón local.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso
Lugar : Ourense