Couselo Castro, Luciano

Couselo Castro, Luciano

Pintor. Trasladouse en 1964 a Barcelona, onde estudiou pintura con Josep Maria Baixas i Castellví (1969) e na Escola de Llotja (1973), na que cursou estudios de litografía e gravado en 1977. Dende 1982 dedícase exclusivamente á pintura. As súas primeiras obras foron naturezas mortas e paisaxes; nestas últimas introduciu o eixe da súa pintura: a figura humana. Nun primeiro momento foron tres ou catro figuras espalladas polo cadro, despois representou multitudes ou grupos, para pouco a pouco reflectir novamente tres ou catro persoas caracterizadas polas miradas intensas dos seus rostros. Formalmente, as súas figuras están ben perfiladas pero tamén se achegan á abstracción. A cor lembra os fauvistas, mentres que a sinuosidade da liña recorda os expresionistas, pero en ningún caso son obras de carácter dramático. Cultivou tamén o cartelismo (Letras Galegas, Barcelona, 1987) e a ilustración (Contos e lembranzas, de J. A. Pet Posse). Participou en numerosas exposicións colectivas e realizou mostras individuais. Entre os galardóns que recibiu destacan o premio de pintura de Molins de Rey (1978 e 1980), o premio dos Coleccionistas das Corts (1981) e o premio especial de acuarela de Hostafranchs (Barcelona, 1984).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Santiago de Compostela