Cousinet, Roger
Pedagogo francés. Licenciouse en Letras na Université de La Sorbonne. Foi inspector de ensino primario e profesor de pedagoxía na Sorbonne. Influído por J. J. Rousseau e E. Durkheim, pertenceu ao movemento de renovación de estruturas e de métodos de ensino, e consideraba que a esencia da educación é a socialización. Pertenceu ao grupo dos fundadores da Escola Nova, xunto con Claparède, Ferrière e outros. Creou a Revista Nouvelle Éducation, instrumento de difusión das ideas da Escola Nova. Substituíu a pedagoxía do ensino pola pedagoxía da aprendizaxe: o profesor non lles expuña o saber aos alumnos senón que se traballaba en grupo para realizar as descubertas colectivamente. Desenvolveu a práctica dos grupos de traballo libre, que se forman segundo o ritmo de actividade intelectual, o nivel común de aptitudes e os intereses dos rapaces. Entre as súas obras, cómpre destacar Une méthode de travail libre par groupes (Un método de traballo libre por grupos, 1945), L’enseignement de l’histoire et l’éducation nouvelle (O ensino da historia e da nova educación, 1950), La vie sociale des enfants (A vida social dos nenos, 1950), L’éducation nouvelle (A nova educación, 1950) e La formation de l’éducateur (A formación do educador, 1952).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Arcueil -
Deceso
Lugar : París