Couso, San Cristovo de
Couso, San Cristovo de
Igrexa parroquial situada en Gondomar. Segundo os epígrafes conservados nos muros da ábsida, edificouse entre 1731 e 1735. De acordo con outra inscrición da fachada sur, reconstruíuna en 1906 o abade Xosé Gómez. Trátase dun templo de planta rectangular dunha nave, con cuberta de madeira, e cunha ábsida cuberta con bóveda de canón, apoiada nun arco de cruceiro sobre pilastras. A fachada norte ten dous corpos pegados, a sancristía e a sala de usos múltiples, e un pórtico aberto cun tellado que descansa sobre unha columna de sección octogonal. Na fachada principal destaca a torre de base cadrada, cuberta por unha pirámide regular, con cornixa de sección trapezoidal e rematada por pináculos.