Couzadoiro
Antigo concello da comarca de Ortegal, incluído dende o 6 de xaneiro de 1850 no de Ortigueira. O primeiro concello de Couzadoiro estableceuse en 1812, ao abeiro da Constitución proclamada en Cádiz. Incluía as parroquias de Ladrido, Espasante, Céltigos, Loiba, San Cristovo de Couzadoiro e San Salvador de Couzadoiro. As vicisitudes políticas da España da época provocaron que a vixencia deste concello, como a de todos os establecidos pola Constitución, quedase subordinada á desta: así, en novembro de 1814 o decreto asinado polo Rei Fernando VII significou a supresión do concello, que foi restaurado en 1820; sen embargo, en 1823 un segundo decreto derrogatorio provocou unha nova supresión. Naquelas dúas primeiras etapas, o concello estaba adscrito ao partido xudicial de Santa Marta de Ortigueira; no plano provincial, ata 1822 pertencía á provincia de Galicia, pero nesa data incorporouse á recentemente creada provincia de Lugo. En 1833, trala morte do Rei Fernando VII, estableceuse definitivamente en España o municipalismo. Entón, o partido de Santa Marta de Ortigueira pasou á nova provincia da Coruña. En 1836, a súa Deputación Provincial aprobou o establecemento do concello de Couzadoiro. En febreiro de 1849 as corporacións municipais de Couzadoiro e Freires acordaron adherirse á solicitude presentada un ano antes polo concello veciño de Veiga para fusionarse co de Ortigueira; isto suporía a reconstrución da unidade territorial que representou no Antigo Réxime a xurisdición de Santa Marta de Ortigueira, representada na provincia de Betanzos. O proceso fusionista seguiu o seu trámite e foi autorizado polo Real Decreto do 19 de xullo de 1849, que entrou en vigor o 6 de xaneiro de 1850.