crecemento

crecemento

(< crecer)

  1. s m

    Acción e efecto de crecer.

    Ex: O crecemento do sector agrario foi fundamental nos últimos anos.

    Sinónimos: crecenza, medra, medra.
    1. s m [BIOL]

      Incremento da masa ou do número de células, organismos ou poboacións. É unha característica esencial dos seres vivos, aínda que os virus unicamente medran en número e non en medida. O crecemento dos organismos orixínase polo aumento da medida das células, por división celular e por produción e acumulación no organismo de materiais extracelulares. O crecemento vén regulado pola herdanza e polo ambiente. Nalgúns casos pode ser continuo durante toda a vida do organismo e noutros pode ser que cese ao acadar un estado de madurez.

    2. crecemento exponencial [BIOL]

      Forma de crecemento dunha poboación na que o ritmo de crecemento está relacionado co número de individuos; isto implica que cando o número de individuos é pequeno o crecemento é lento, mentres que este aumenta ao ir elevándose o tamaño da poboación. Se se representa graficamente o número de individuos con respecto ao tempo obtense unha curva exponencial en forma de J.

    3. crecemento primario [BOT]

      Desenvolvemento en lonxitude dunha planta que se produce como consecuencia da actividade dun meristema primario.

    4. crecemento secundario [BOT]

      Desenvolvemento en espesura dunha planta que ten lugar como consecuencia da actividade dun meristema secundario.

  2. [ECON]
    1. s m

      Aumento dunha magnitude económica durante un período determinado sen que aumenten necesariamente as variables cualitativas. Polo xeral, o crecemento económico refírese ao aumento do Produto Interior Bruto (PIB). Un dos factores do que depende é o grao de investimento que se produza, condicionado, entre outros, por elementos de carácter político, social e económico. A diferenza do desenvolvemento económico, non precisa de planificación a longo prazo e non vai acompañado de cambios irreversibles.

    2. crecemento cero

      Concepto creado polo Club de Roma no informe Os límites do crecemento (1972), elaborado baixo a dirección de Denis L. Meadows. Enténdese como a hipótese dunha taxa nula de crecemento que permitiría e garantiría a supervivencia no planeta. Esta ausencia de crecemento provocaría cambios no sistema económico internacional e nas distintas sociedades.

    3. crecemento económico

      Incremento dos servicios e do número de bens producidos. En termos reais, supón o aumento do Produto Interior Bruto (PIB) e da renta per cápita dun país. Entre os factores que inciden no crecemento económico están a capacidade de produción e o crecemento da demanda.

    4. crecemento sostido

      Crecemento económico que se caracteriza por un ritmo constante ao longo de diversos períodos de tempo. Aínda que é un dos obxectivos da economía, non sucede con frecuencia.

  3. [DEMOG]
    1. crecemento da poboación

      Resultado do crecemento vexetativo neto (natalidade menos mortalidade) e mais o saldo migratorio neto (inmigración menos emigración) dun territorio determinado durante un período de tempo.

    2. crecemento real

      Diferencia entre o crecemento vexetativo e o saldo migratorio dunha poboación.

    3. crecemento vexetativo

      Diferencia entre o número de nacementos e o número de defuncións nunha poboación durante un período de tempo. Tamén se denomina crecemento natural. Cando o número de defuncións e de nacementos é o mesmo, o fenómeno denomínase crecemento cero.

  4. crecemento dun cristal [QUÍM]

    Incremento das dimensións dun cristal. Consiste, basicamente, na adxunción dos constituíntes elementais (átomo, ions, moléculas) do medio nai no que se somerxe o cristal, ás caras xa existentes do cristal. Este mecanismo depende do transporte de materia e calor experimentado nas interfaces cristal/medio nai e da cinética das interfaces. Existen diferentes métodos para obter elementos en forma de monocristais. O método de Czochralski, desenvolvido en 1917 para cristais de elementos metálicos, emprégase para a obtención do silicio e do arseniuro de galio. O crecemento epitaxial úsase para facer medrar capas de monocristais sobre un substrato. O método Bridgman horizontal emprégase para facer medrar monocristais de arseniuro de galio.

  5. factor de crecemento [BIOQ]

    Cada unha das substancias polipeptídicas que inducen á mitose. Únense, con elevada afinidade, aos dominios extracelulares dos receptores proteínicos específicos que atravesan a membrana plasmática de determinados tipos celulares, de xeito que activan os seus dominios citoplasmáticos para a fosforilación das proteínas diana que, á súa vez, actúan como mensaxeiras intracelulares que estimulan a división.

  6. hormona do crecemento [BIOQ]

    Hormona de natureza peptídica, constituída por unha cadea non ramificada de 191 aminoácidos e segregada pola adenohipófise. O seu peso molecular é de 45.000. Acelera directamente o crecemento dunha variedade de tecidos e induce ao fígado a sintetizar unha serie de factores de crecemento polipeptídicos, denominados somatomedinas, que estimulan o crecemento das cartilaxes. Unha produción excesiva de hormonas do crecemento cando o esqueleto aínda está crecendo produce xigantismo; mentres que se se produce cando o esqueleto xa madurou, leva a un estado de acromegalia. A súa deficiencia provoca ananismo.

    Sinónimos: somatotropina.

Refráns

  • Cría corpo, que non che faltará pano.
  • O neno aos seis meses asenta; ás sete endenta; ao ano é andante e aos dous, falante.
  • O neno, mentres crece; e o enfermo, mentres adoece.
  • Pedro, por ti medro; pero espera un pouco, que menos medrarás, se eu podo.
  • Polo aninovo púxome a pita un ovo e polos reis xa tiña seis.

Palabras veciñas

crebaosos | crebar | crebaxeos | crecemento | crecentado -da | crecente | Crecente