Crecente, San Pedro de

Crecente, San Pedro de

Igrexa parroquial situada en Crecente. Trátase dunha construción románica de transición ao gótico erixida a mediados do s XIII. A planta orixinal tiña unha nave e unha ábsida rectangular, despois engadiuse un cruceiro gótico. O arco triunfal é apuntado e dobrado, coa mesma directriz que o arco faixón do interior do presbiterio. Os dous arcos apóianse sobre columnas entregadas con bases áticas e capiteis vexetais moi estilizados. No muro sur hai unha porta gótica que dá paso a unha sancristía. No exterior, a ábsida conserva columnas entregadas nos muros laterais, que coinciden coas que sosteñen o arco faixón do interior. No testeiro ábrese unha fiestra de estrutura completa por dentro e por fóra, composta por un arco apuntado apoiado en columnas con bases áticas e capiteis que no interior foron picados, mentres que no exterior representan unha ave peteirando na cabeza dunha serpe e un home sentado de crequenas cun obxecto non identificable sobre os xeonllos. A nave conserva canzorros de proa baixo os beirís, ao norte ábrese unha porta rematada en arco apuntado que enmarca un tímpano no que aparece unha figura moi ruda que sostén un báculo coa man esquerda.