Crecente Fértil

Crecente Fértil

Rexión do Oriente Medio que se estende desde o Mar Morto ao Golfo Pérsico e ao deserto Arábigo. O territorio repártese entre o S de Turquía, o N de Iraq e O de Irán. Está drenado polos ríos Tigris e Éufrates, o que o converte nunha rexión con chairas e vales ben regados, que viron nacer a agricultura no Neolítico. O seu nome fai referencia á riqueza agrícola das súas terras e á forma de media lúa que os dous cursos fluviais debuxan no seu percorrido. En 1943, o proxecto unitario árabe elaborado polo primeiro ministro iraquí Nuri al Said, preveu a formación dun estado que reagruparía todos os territorios do Crecente Fértil (Iraq, Líbano, Palestina, Siria e Transxordania). Malia o apoio do Reino Unido, que tentaba consolidar e estender a influencia da monarquía haxemí sobre o mundo árabe, a empresa resultou un fracaso, especialmente pola oposición de Arabia Saudí e Exipto.