crédito

crédito

(< lat crēdĭtu‘débeda’)

  1. s m

    creto.

  2. s m

    Situación económica que lle permite a alguén comprar sen ter que pagar ao contado ou conseguir diñeiro prestado.

    Ex: Ten crédito nos almacéns desa compañía.

  3. s m [ECON]

    Intercambio non simultáneo entre a prestación e a contraprestación de bens, diñeiro ou servicios. No cumprimento de calquera acto crediticio interveñen o tempo como elemento constitutivo e a confianza como condición. Establécese tamén outro elemento importante: o xuro, que é o prezo do tempo e o prezo do risco. A principal función do crédito é a de financiamento da produción antes da demanda. O mecanismo do crédito permite unha planificación máis flexible dos gastos e canaliza os pequenos aforros da sociedade. Unha superexpansión do crédito pode producir inflación e para evitala tómanse medidas de carácter económico, como o aumento dos custos e a redución da demanda ou da oferta, das dúas ou do crédito, segundo os casos. As promesas de pagamento poden ser formais e escritas, como billetes de banco, letras de cambio e cheques, ou en forma de libro de débedas e préstamos, como créditos de vendas ou anticipacións bancarias. O crédito pode ser público ou privado, segundo sexa obxecto da confianza do goberno ou de particulares. Fálase de crédito real cando se esixe como garantía un obxecto material de valor, como un ben inmoble no crédito hipotecario, ou un moble no crédito pignoratio. Cando non se esixe unha garantía trátase dun crédito persoal. Denomínase crédito oficial o concedido por unha entidade de crédito pública, é o caso dos ofertados polos bancos que son propiedade do Estado. Entre os tipos de créditos especializados están: o crédito agrícola, dirixido á agricultura e á gandería; o crédito pesqueiro; o crédito comercial, que financia o capital circulante e que a miúdo se instrumenta en letras de cambio; o crédito de equipamento, que serve para financiar a compra-venda de bens de equipo; o crédito hoteleiro; o crédito ao consumo, que financia a adquisición de bens de consumo polos particulares; o crédito disociado, que se formaliza para financiar accións comunitarias plurianuais e que poden ser de compromiso, cando cobren o custo total das obrigas contraídas para accións executables nun prazo superior a un ano, e de pagamento, cando cobren os gastos derivados da execución dos compromisos adquiridos en anteriores exercicios; o crédito ponte ou financiamento transitorio que se acada cando existe a garantía de cobro nun prazo fixado; e o crédito rotativo, cando se renova de xeito automático unha vez pagado. Dende o punto de vista da duración do crédito, distínguese entre crédito a curto, a medio e a longo prazo, cunha amortización que no primeiro caso chega ata dezaoito meses e no segundo abrangue case un período de cinco anos; a partir desta duración adóitase falar de longo prazo. Outra distinción é a existente entre créditos de tipo fixo e de tipo variable, segundo o custo do crédito; así, nun caso o xuro será o mesmo ao longo de toda a duración do crédito e no outro variará en relación cun tipo de xuro escollido como punto de referencia. O crédito pode empregarse para favorecer o debedor, mediante o crédito bonificado que se ofrece a unha taxa de xuro inferior ao do mercado. Os créditos de sinatura son equivalentes aos avais, pois as entidades bancarias responden por un cliente, se a este se lle esixe unha cantidade ou cumprir uns requisitos. No crédito documentado, empregado nas transaccións internacionais, a entidade crediticia comprométese, na orde do importador dunha mercadoría, a pagarlle unha cantidade ao exportador, contra a recepción de documentos probatorios da súa expedición. Nos últimos tempos xurdiu o crédito multidivisa, no que o acreditado pode escoller entre unha ou diversas divisas ao longo da súa vixencia en datas prefixadas, e o crédito renovable, onde se acorda un importe determinado e, unha vez reembolsado, pode ser reutilizado porque se renova automaticamente durante un certo período.

  4. s m [PEDAG]

    Unidade didáctica que concreta unha aprendizaxe e que se imparte durante un número de horas determinado. As áreas de aprendizaxe organízanse en tres tipos fundamentais de créditos: os créditos comúns referidos a áreas comúns obrigatorias; os créditos variables que lle permiten ao alumno a opcionalidade; e os créditos de síntese, que son créditos de comprobación.

    Ex: Quédanlle tres créditos para rematar a carreira.

  5. s m pl

    Relación de persoas, entidades, empresas, etc, que interveñen na elaboración dunha publicación, unha película, un programa de televisión, un disco, etc.

  6. dereito de crédito [DER]

    Parte activa dunha relación de obrigación pola que o creditor pode esixir do debedor que observe unha conduta determinada ou que realice unha prestación singular.

Frases feitas

  • A crédito. Pagar ou vender con posterioridade ao momento da compra.

Palabras veciñas

Credi, Lorenzo de | credibilidade | crediticio -cia | crédito | credo | credo | credulidade