Criado Martín, Felipe
Pintor. De orixe asturiana, trasladouse a Galicia con oito anos. En 1936 viviu o bombardeo de Santander pola aviación da lexión Cóndor, feito que marcou a súa existencia. No 1949 coñeceu a Francisco Asorey e no 1954 trasladouse a Madrid, onde ingresou na Escuela Superior de Bellas Artes de San Fernando (1954-1959). Foi catedrático de Anatomía Artística e Debuxo do Natural en Movemento das Escolas de Artes e Oficios Artísticos (1961) e catedrático de Debuxo de ensino medio (1963). Nomeado director da Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos de Santiago de Compostela (1963-1966), promoveu a renovación das instalacións do centro e o cambio do nome polo de Mestre Mateo.
En 1967 instalouse na Coruña, onde exerceu como catedrático de Debuxo. A súa obra, de carácter figurativo, caracterízase polo dominio do debuxo como creador das formas e das cores. As súas obras, paisaxes e retratos, beben das fontes clásicas, como Praxíteles na configuración dos corpos, especialmente da muller, e de Matisse no emprego do debuxo como delimitador de formas. Realizou os retratos de Asorey (1957), Valle Inclán (1968), Domingo de Andrade (1972) e Gonzalo Torrente Ballester (1990). Publicou os álbums de debuxos Vinte debuxos para a lucubración no espacio (1982) e Trinta e oito debuxos para un país con poemas de Salvador Bolaño (1985). Fixo, entre outros, os murais do instituto Eusebio da Guarda da Coruña, do colexio público de Ponteceso, da residencia sanitaria Juan Canalejo da Coruña e da Escola Superior de Enxeñeiros Industriais de Ferrol. Dende 1980 realizou deseños para Cerámicas do Castro.
Colaborou como ilustrador nos xornais La Noche, La Voz de Galicia e A Nosa Terra. Ilustrou, entre outras obras, a tradución ao galego de Petición de man, de Čekhov (1980); Cantigas de Amigo e outros poemas, de Ricardo Carballo Calero (1986); Ángeles de Compostela, de Gerardo Diego (1997); e Terra Cha (2001), de Manuel María.
Dende que tivo lugar a súa primeira mostra individual na Sala de Turismo de Santiago de Compostela (1954), realizou numerosas exposicións individuais en Galicia, España, Arxentina, Honduras e EE UU. Entre as mostras colectivas en que participou destacan: Cuatro pintores compostelanos (Vigo, 1963), Exposición Regional de Pintura Gallega (Santiago de Compostela, 1966), Exposición Trienal de Santiago de Compostela (1968 e 1974), Bienal de Pontevedra, Vangardas e Silencios: Pintores Galegos (1987), Medio século de arte galega (Lisboa, 1991) e Galicia Terra Única (1997). A súa obra está presente nas principais coleccións e museos galegos.
Entre outros recoñecementos, recibiu o premio do concurso O Home e a Paisaxe de Oleiros (1958) e a Medalla de Prata da Exposición Trienal de Pintura, Escultura e Gravado (Santiago de Compostela, 1973). Foi membro do xurado do Concurso Internacional de Gravado Máximo Ramos (Ferrol, 1985 e 1986). Ingresou na Real Academia de Bellas Artes Nuestra Señora del Rosario en 1996.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Gijón -
Falecemento
Lugar : Mera