Crimea
Península de Europa suroriental, proclamada, despois da disolución da URSS, república autónoma dentro da estrutura administrativa de Ucraína, á que está unida polo istmo de Perekop (27.000 km2; 2.164.000 h [estim 1998]). A súa capital é Simferopol’.
Xeografía
Rodeada polo Mar Negro e o de Azov, no seu relevo distínguense tres rexións: ao N e ao centro, unha chaira dominada pola árida estepa; ao S e seguindo a liña da costa, unha cordilleira de pregamento alpino, as montañas de Crimea; e, finalmente, unha franxa costeira estreita, protexida dos ventos fríos do N. A economía é esencialmente agrícola (cultivo de árbores froiteiras, tabaco, trigo e avea) e gandeira (vacún e lanar). A escasa industria céntrase na elaboración de produtos químicos, fariñas e fertilizantes. O turismo, ademais, é un dos recursos económicos máis importantes. Os centros turísticos da costa meridional, Yalta, Sebastopol (356.000 h [1998]) e Feodosiya, xunto con Yevpatoriya, Kerch e Simferopol’, son os principais núcleos de poboación.
Historia
Habitada na súa orixe por cimerios, escitas e tauros, foi coñecida na Antigüidade como Chersonesus Taurica. Os gregos estableceron factorías comerciais nos ss VII-VI a C e no s V a C constituíron o Reino de Bósforo. Trala derrota de Mitrídates do Ponto, pasou a ser protectorado do Imperio Romano. Desde o s III d C foi invadida por godos, hunos, kházaros (s VIII), cumanos (s IX) e rusos (s X), agás o litoral meridional, controlado polos bizantinos, que favoreceron o seu pulo comercial. A puxanza comercial continuou coas factorías establecidas polos venecianos e xenoveses, que chegaron a acordos cos khanatos mongois invadiron a rexión no 1239. Desde 1430 converteuse en khanato independente tártaro, que recoñeceu a soberanía otomana despois de 1475. No s XVIII os rusos invadiron a península e lograron a cesión de varios portos e a independencia do khanato tártaro de Crimea, que foi anexionado ao Imperio Ruso en 1783. A rusificación orixinou unha forte oposición dos habitantes do antigo khanato, que conservaron as súas tradicións islámicas. A mediados do s XIX foi o escenario da Guerra de Crimea, que enfrontou a Rusia cunha coalición de potencias. En 1922 converteuse en república autónoma dentro da URSS. Ocupada polos alemáns, dende outubro de 1941 ata maio de 1944, a condición de república autónoma foi modificada pola de oblast’ en 1945, como represalia contra os tártaros crimeos, acusados de colaborar cos alemáns e integrouse dentro da República de Ucraína no 1954. Trala desintegración da Unión Soviética, Crimea continuou dentro de Ucraína. As eleccións de 1994, sen embargo, gañounas o pro-ruso Yurij Meshkov e aprobou unha Constitución que permitía a posibilidade dunha secesión total. En 1995 o Parlamento de Ucraína anulou a Constitución da península de Crimea, polas súas contradicións coa lei fundamental ucraína.