Crimea, Guerra de
Conflito bélico que tivo lugar na península de Crimea entre Rusia e a coalición formada por Turquía, Francia, Reino Unido e, posteriormente, Sardeña (1855). Iniciouse o 23 de setembro de 1853 coa invasión dos principados turcos do Danubio por parte de Nicolao I de Rusia. En 1854 as forzas aliadas iniciaron o asedio a Sebastopol, cuartel xeral da flota rusa, que caeu en 1855, e que deu paso ás negociacións de paz. O congreso, iniciado en París o 25 de febreiro de 1856, culminou co tratado de paz do 30 de marzo de 1856, que supuxo a perda de territorios e influencia rusa na zona e o protectorado europeo sobre os turcos cristiáns. En España, esta contenda repercutiu nunha reactivación intensa da economía, ao quedar bloqueada a saída de cereais rusos.