criptografía
(< cripto- + -grafía)
-
s
f
[ESCR]
Tipo de escritura empregado desde a Antigüidade en distintas culturas, elaborado a partir dun sistema de signos que responden a un código privado, para restrinxir a comprensión dunha mensaxe dada a un grupo específico de receptores coñecedores do código en cuestión. O termo designa tamén a disciplina que estudia os diferentes sistemas que se poden empregar para codificar unha mensaxe. Existen tres sistemas básicos de escrituras secretas: as invisibles, feitas con tintas simpáticas; as convencionais, baseadas no uso de elementos xa convidos que producen un efecto diferente ao da comunicación real do texto; e os cifrados, baseados na transposición de letras, sílabas ou calquera elemento do texto, ou ben na súa substitución por outros, segundo unhas equivalencias expresadas nunha táboa ou clave. En concreto, establece tres tipos de estratexias: as chamadas claves de ocultación, que camuflan as palabras da mensaxe que impiden o acceso xeneralizado ao seu significado; claves de transposición, que someten as letras a unha serie de cambios de orde previamente acordados; e claves de substitución, que implican a substitución das letras por signos cifrados. Ademais das claves, existen outros recursos para dificultar o acceso ao sentido dunha mensaxe, como os acrónimos, acrósticos, anagramas ou enigmas.
-
s
f
[INFORM]
Ciencia que estudia o xeito de cifrar e descifrar mensaxes para que resulte imposible coñecer o seu contido sen unhas claves predeterminadas. No mundo informático o uso de técnicas criptográficas é frecuente, especialmente no envío de documentos a través de diferentes redes, como a Internet, ou no almacenamento de información. Tamén no sector das telecomunicacións se acostuma cifrar sinais, como as de certas canles de televisión, para que estas non se poidan ver a non ser que se dispoña do receptor descodificador axeitado.