cristiandade
(< latchristianĭtāte)
-
s
f
[RELIX]
Conxunto de pobos cristiáns.
Ex: A cristiandade ocupa unha porcentaxe elevada no mundo.
-
s
f
[HIST]
Doutrina que lexitima a orde político-social medieval, caracterizada pola coincidencia do poder civil (Imperio) coa autoridade eclesiástica (Igrexa). Isto implica que a cristiandade engloba todo o pobo: a persoa individual chega a ser membro da Igrexa por ser membro dunha comunidade que profesa a fe e que quere ser cristiá. Así, a fe persoal deixa de ser un elemento importante para pertencer á Igrexa. Pola súa banda, a orde profana necesita a coroación transcendente que lle proporciona a relixión; de aí vén a xustificación das guerras relixiosas e das cruzadas, e a imposición das formas de vida cristiás como as únicas oficialmente recoñecidas no reino deste mundo: bautismo, matrimonio e orde son os únicos medios de demostrar, aínda no eido civil, unha personalidade ou un estado de vida. Segundo esta lóxica, quen deixa de ser membro da Igrexa debe desaparecer como membro da sociedade civil. O tipo oriental de cristiandade representou dende Constantino un cesaropapismo que ve no emperador a autoridade xerárquica suprema, mentres que o tipo occidental, sobre todo a partir de Gregorio VII, se esforzou por erixir o papa como fonte de todo o poder e baseou a súa soberanía sobre a autoridade civil na soberanía do espírito sobre a materia, como indicaba Bonifacio VIII na bula Unam Sanctam (1302). A cultura medieval foi integramente produto do espírito da cristiandade. O Concilio Vaticano II, ao proclamar a autonomía das realidades do mundo e a liberdade relixiosa, asentou unhas bases doutrinais moi distintas das que sostiñan o concepto de cristiandade.