cristianismo

cristianismo

(< lat ecles christianismu< grχριστιανισμός)

  1. s m [RELIX]

    Fe e doutrina que se inspira na revelación que Deus realizou en Cristo.

    Confrontacións: catolicismo.
  2. s m [RELIX]

    Conxunto de igrexas que se consideran a si mesmas como seguidoras de Xesús de Nazaret, ao que invocan como fundamento da súa confesión de fe.
    Orixe do cristianismo
    O cristianismo xurdiu historicamente no marco do xudaísmo, ao proclamar un reducido grupo de crentes a resurrección de Xesús de Nazaret (profeta acusado polas autoridades relixiosas hebreas e crucificado polos gobernadores romanos no s I) e identificalo co Mesías anunciado nas escrituras bíblicas. A súa ambivalente relación coa tradición do xudaísmo ata ese momento, é un dos trazos característicos e, simultaneamente, máis difíciles de definir do cristianismo. Coincidentes ambos nun estricto monoteísmo, diferéncianse radicalmente a partir das súas respectivas interpretacións do feito de Xesús e da súa comprensión de Deus. Así se manifestou no longo proceso de reflexión cristiá que levou á formulación do misterio trinitario, segundo o que Deus é un e trino, integrado por tres persoas que son o Pai, o Fillo (de aí a natureza da divindade de Xesús) e o Espírito Santo. Doutra banda, o común recoñecemento dunhas escrituras sagradas (a Biblia), expresión cristiá dunha continuidade co xudaísmo, comporta tamén unha radical discrepancia respecto da interpretación do seu sentido e do seu cumprimento.
    Características doutrinais fundamentais
    No contexto da historia das relixións, o cristianismo englóbase dentro do conxunto de relixións monoteístas e comparte, xunto co xudaísmo, o Islam e o zoroastrismo, a pretensión de posuír unha revelación histórica. Como fe, non se basea en especulacións filosófico-relixiosas, senón en feitos históricos de valor transcendente con vistas á salvación de todos os homes. Neste sentido, pódese considerar como froito e expresión do proceso histórico-salvífico que manifestou e realizou definitivamente no mundo a presenza gratuíta e libre de Deus: Deus encarnado en Xesús Cristo reconcilia os homes con el mesmo, facéndoos a todos fillos e devolvéndolles a posibilidade de acadar unha plenitude transcendente á propia comprensión humana. A consciencia deste proceso constitúe o obxecto formal da revelación cristiá, preanunciada xa no Antigo Testamento. Esta revelación ten un carácter esencialmente social, pois é como comunidade (como pobo de Deus e como Igrexa) que os homes son chamados á Salvación. Este don gratuíto ten unha transcendencia principalmente escatolóxica (a Parusía ou manifestación definitiva de Deus), aínda que non é unha realidade estraña ao home a á súa realidade presente: esta ambigüidade radica no feito mesmo da Encarnación, e acompaña tamén a fixación do contido da revelación nun conxunto de dogmas, expresión histórica e, posteriormente, obxecto de fe.
    Difusión do cristianismo
    O feito de que a intelectualización da fe (debida fundamentalmente á achega de Saulo de Tarso, chamado san Paulo) revestise forma helénica, comportou unha inxerencia de elementos grecorromanos que sobreviviron nas formas concretas do cristianismo histórico. Así, xunto coa culturización da fe cristiá, alcanzouse tamén unha simultánea popularización desta fe no sentido de que, entre a xente, se puido mesturar con costumes, tradicións e crenzas claramente distantes, e incluso fins contrarios a ela mesma. Polo tanto, non resulta estraño atopar, en todo o mundo, elementos de relixiosidade pagá ou incluso de carácter supersticioso entre moitos cristiáns. Por razón da súa propia esencia, o cristianismo ten unha misión e un carácter universais. Esta condición impulsou a actividade misioneira do cristianismo e, en certa medida, explicou a rápida e ampla difusión que tivo, incluso entre lugares culturalmente distantes, ata ben entrada a Idade Media. Na súa difusión influíu o feito de que o tolerase o Emperador Constantino no ano 313, e que Teodosio a declarase relixión oficial do Imperio Romano no 395. Séculos máis tarde, o carácter oficialmente cristián de Occidente determinou a propagación do cristianismo por América e parte de Asia (s XVI) e, máis recentemente (ss XIX e XX), entre os pobos africanos. Malia a esixencia de unidade que toda consciencia de universalismo comporta, o cristianismo non puido conservar íntegra a unidade do seu corpo eclesial: dende o comezo xurdiron e sucedéronse diferentes doutrinas respecto a aspectos formais do seu credo (herexías) ou das súas manifestacións; xestáronse, así mesmo, discrepancias que, dende o s IV ata o s XI (sempre no nome da fe), orixinarían o Cisma de Oriente; e xurdiron, tamén no nome do Evanxeo, actitudes renovadoras radicais que tiveron expresión, no s XVI, na Reforma. Exemplo típico da reacción que calquera enfrontamento comporta foi a Contrarreforma, que durante séculos invocou o Concilio de Trento como fundamento. Diferencias de orde dogmática e de disciplina práctica separan aínda as tres grandes familias cristiás: a católica, a ortodoxa e a protestante (esta, con diversas denominacións e diferenciacións eclesiais), que, sen embargo, profesan basicamente unha mesma fe contida no credo dos apóstolos. A corrente ecuménica vai gañando terreo entre os cristiáns, coa consciencia de que soamente un esforzo interno de comprensión e unidade pode manter unha presencia eficaz do cristianismo no mundo. Socioloxicamente, xunto co budismo e co islamismo, o cristianismo constitúe dende hai séculos unha das tres relixións maioritarias.
    O cristianismo en Galicia
    Os primeiros documentos que se conservan nos que se fai referencia ao cristianismo na Gallaecia datan do s III. Non obstante , á marxe da lenda xacobea, existen indicios arqueolóxicos que permiten supor a presenza cristiá con anterioridade a esa data, como son os descubrimentos de inhumacións carentes de enxoval funerario, feito excepcional fronte á práctica habitual da relixiosidade pagá. A ausencia deses enxovais indica un desprendemento en relación ao pasamento que se pode explicar pola crenza nunha vida futura que se vai desenvolver nun plano espiritual e non nun plano material ou, cando menos, nun ambiente como o da Parusía, onde a posesión material resulte superflua. Ademais, nas mesmas necrópoles localizáronse inscricións epigráficas tipicamente cristiás. Posiblemente as primeiras comunidades cristiás da Gallaecia apareceron nas cidades entre os elementos romanos, máis conectados co resto do Imperio. Así, déixao entrever o martirio do centurión Marcelo, executado en Tánxer no 288, en tempos da persecución de Diocleciano (284-305). Marcelo, membro da Legio Septima Gemina (León), renunciara ás armas e proclamara publicamente a súa fe cristiá (e esta fe implica unha vivencia comunitaria). O caso de Vítor de Braga é moi similar. A conexión parece que se estableceu a través das comunidades da Mauritania, e dende un punto de vista xerárquico, as comunidades galegas tiñan o seu referente inmediato en Mérida. A vitalidade das comunidades eclesiais galegas do s IV manifestouse tamén no plano doutrinal. A proclamación do cristianismo como relixión oficial do Imperio desvalorizara bastante a ascese dos primeiros tempos e moitos dos novos cristiáns practicaban un sincretismo que relaxaba o rigor espiritual. Como resposta, xurdiron diversos movementos que tiñan como común denominador a reivindicación da radicalidade evanxélica. Na Gallaecia do s IV, as manifestacións deses movementos renovadores foron basicamente dúas: o monacato e o priscilianismo. En primeiro lugar, a constitución de comunidades monásticas integradas por fieis retirados ao agro, que á parte do testemuño de vida consagrada, deixou como principal achega a evanxelización do medio rural. A inquietude dos cristiáns galegos levounos a contactar cos grandes centros da espiritualidade cristiá; así, por exemplo, Exeria viaxou a Terra Santa entre o 381 e o 383, onde coñeceu a forma de vida dos eremitas do Sinaí. A outra gran manifestación renovadora foi o priscilianismo, que demandaba unha maior disciplina nos bispos e presbíteros. Molesto para a xerarquía, Prisciliano foi decapitado en Tréveris no 385, aínda que iso non detivo a prédica da súa doutrina. As comunidades galegas, co bispo Dic22tinio de Astorga á fronte, declaráronse priscilianistas e venerárono como mártir. As autoridades pontificias tomaron este tema en serio, xa que tentaron negociar en diversas ocasións. Da importancia que lle outorgaba Roma ao asunto é ilustrativa a intervención de santo Ambrosio de Milán, un dos principais teólogos da época. No medio do conflito, os bispos galegos non acudiron aos concilios de Toledo do 396 e do 400. Neste último concilio condenouse o priscilianismo e no 407 o emperador promulgou unha condena formal na que o cualificaba de herexía. Trala desarticulación da administración romana provocada pola invasión sueva (409), os bispos asumiron a representación da poboación galaicorromana. A formación do Reino de Galicia no 410, asinada por Hermerico e o Emperador Honorio, significou, efectivamente, a división do país en dúas comunidades étnicas e relixiosas. Non obstante , no 449 o Rei Requiario decretou a conversión dos suevos ao catolicismo, relixión dos galaicorromanos, co que a partir de entón desapareceron as barreiras xurídicas entre ambos os dous grupos. O cristianismo, baixo a observancia católica, converteuse no elemento aglutinante da sociedade galega na Idade Media. Esta implicación permaneceu ao longo da historia e imbuíu todo tipo de relacións sociais e manifestacións culturais ou políticas, dende a ordenación territorial ata a arte, pasando pola lexislación.