Croacia

Croacia
Nome científico: [República de Croacia;nome oficial croata: Republika Hrvatska]

Estado de Europa suroriental, situado na península dos Balcáns, que forma un arco desde o Danubio ao NL ata Kotorska ao SL, e que limita con Hungría, Iugoslavia e Bosnia-Herzegovina, atravesado por unha estreita franxa na costa adriática, para permitir paso ao mar a Bosnia-Herzegovina. Limita con Eslovenia ao NO e co Mar Adriático ao O (56.610 km2; 4.481.000 h [1998]). Esténdese entre os 47° e os 42° de latitude N e os 13° e os 19° de lonxitude L. A súa capital é Zagreb.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
O relevo caracterízase pola súa diversidade, e del destacan as chairas de Panonia ao L e os Alpes Dináricos, que atravesan o país de NO a SL. A costa está formada por materiais calcarios, invadidos polo mar e parcialmente somerxidos, feito que explica os numerosos golfos, baías e máis de 600 illas, das que cómpre salientar as de Krk, Cres, Dugi, Brač, Hvar, Korčula e Pelješac. O sector setentrional de Croacia comprende os amplos vales do río Sava, que atravesa a rexión de NO a L, e os do Drava, que fai fronteira con Hungría, cunha altitude media de 500 m. Ao O localízase Dalmacia (Dalmacija), unha franxa estreita e estéril de terreo, que posúe unhas fortes pendentes que descenden cara ao Mar Adriático.
Climatoloxía e hidrografía
O clima é continental no interior, con veráns calorosos e invernos fríos. A costa adriática goza dun clima mediterráneo, con invernos tépedos e chuviosos e veráns cálidos e secos. Nas zonas de montaña prodúcese un importante descenso das temperaturas, con abundantes nevadas no inverno. Os ríos principais son o Drava, o Sava (tributarios do Danubio), o Mura e os seus afluentes, con fortes correntes preto da costa xa que teñen que superar un forte desnivel.
Medio ambiente
A flora, tipicamente mediterránea, está composta por máis de 4.300 especies, das que máis dun 10% son endémicas. Entre a fauna destaca a presenza de vertebrados como o lobo, o oso e o lince europeo. Existen oito parques nacionais: Kornati, Plitvicka Jezera, Krk, Paklenica, Mljet, Risnjak, Brijuni e Velebit. Este último espazo natural, que forma parte da cordilleira costeira dos Alpes de Velebit, presenta unha natureza calcaria e típica -que deu orixe ao termo “cárstico”- e obtivo a consideración por parte da UNESCO para figurar entre as dez áreas forestais mellor conservadas da rexión mediterránea; logo da ratificación, por parte de Croacia, da Convención de Berna no ano 2000, entrou a formar parte da Rede Esmeralda.
Xeografía económica

Economía
Croacia era, antes do estalido da guerra, unha das repúblicas máis prósperas da antiga República Federal Iugoslava. Non obstante , a economía do país entrou en auténtico declive coa contenda. En 1992 moitas industrias foron destruídas e o goberno estimou os danos a finais de 1991 en 1.500 millóns $ USA. O PIB caeu dos 13.500 millóns $ USA en 1990 ata os 7.500 millóns $ USA en 1992. O turismo, un dos elementos clave da economía, sufriu unhas perdas de 1.200 millóns $ USA. A partir de 1993 comezou un proceso de recuperación, coa súa incorporación ao Fondo Monetario Internacional (FMI), o inicio por parte do goberno dun programa de privatización das empresas, coa participación de empresas locais e estranxeiras, e a creación de rexións económicas especiais, onde se fixo un forte investimento; ademais, produciuse un cambio de moeda. Forma parte da Organización Mundial do Comercio (OMC) desde o 17 de xullo de 2000. A débeda externa en 1997 era de 6.842 millóns $ USA. A inflación elevouse a máis do 500% anual e acadou a finais de 1999 o 4,4%, cunha renda per cápita de 5.100 $ USA (estim 1999). O desemprego ascendeu ao 20% en 1999, cunha poboación activa de 2.118.000 persoas (1998), ocupada o 14% no primario, o 35% no secundario e o 51% no terciario (1998). Dentro da súa economía destaca a creación por lei en 1992 do Banco Nacional (Hrvatska Naradona Banka). A moeda oficial é o kuna, que substituíu o dinar croata o 30 de maio de 1994.
Recursos e sectores de actividade
A agricultura, localizada principalmente nas chairas setentrionais, baséase nos cereais, nas patacas, na remolacha azucreira, nas froiteiras, na viña e no cánabo, cunha produción total en 1999 de 12.200 t. A finais de 1980 a superficie cultivada supoñía os dous tercios do territorio. Os recursos mineiros son abundantes e destaca a produción de bauxita, hulla, lignito, chumbo, cinc, ferro e cobre. Na industria sobresaen os sectores naval, químico, alimentario, de maquinaria, de cemento e téxtil, onde o 97% da produción se destina á exportación; o seu principal cliente é Italia. En 1990, 500 empresas declaráronse en bancarrrota e a principios de 1991 a produción industrial decreceu un 12%, con respecto ao ano anterior. A construción é un sector importante dentro da súa economía, cun investimento de 123 millóns $ USA en 1999, feito que deu emprego a 68.844 persoas.
Comercio exterior

O comercio exterior ten un claro signo deficitario. O valor das importacións acadou en 1998 un valor de 8.400 millóns $ USA, principalmente maquinaria e materiais de transporte, mentres que as exportacións foron de 4.500 millóns $ USA, das que destacan os produtos químicos, a maquinaria e os produtos alimenticios. Os principais clientes e provedores son Alemaña, Austria, Eslovenia, Italia e EE UU.
Transportes e comunicacións
As principais vías de comunicación son as estradas, con 27.840 km, dos que 22.690 están asfaltados. Tamén son importantes os ferrocarrís con 2.726 km e o tráfico fluvial, principalmente polo río Drava. A mariña mercante consta de 257 unidades e os principais portos marítimos son os de Šibenik, Zadar e Split. En canto á aviación civil, posúe 9.000.000 km voados.
Xeografía humana

Demografía
O crecemento natural no período 1993-1998 foi negativo (-0,1%). O índice de natalidade en 1998 era do 10,5‰, mentres que a mortalidade se situaba no mesmo ano en 11,6‰. A esperanza de vida para os homes é de 70 anos e de 77 para as mulleres (1997). Na estrutura por idades, no ano 2000, o 18% da poboación tiña menos de 14 anos, o 67% entre 15-64 e o 15% máis de 65.
Poboamento
A densidade de poboación é de 113,6 h/km2, aínda que as principais concentracións se localizan nas cidades, acadando a poboación urbana o 56,9% (1998). Os principais núcleos de poboación son a capital Zagreb, primeiro centro industrial, Split (189.388 h[1991]), Rijeka (167.964 h [1991]) e Osijek (104.761 h [1991])

Diversidade étnica e cultural

O grupo maioritario son os croatas (78% da poboación da poboación total). O restante 22% agrupa a diversas minorías, entre as que destaca a serbia (12% da poboación total), a musulmá (0,9%) e a romaní (0,2%); os outros grupos son húngaros, eslovenos, checos, albaneses, montenegrinos, etc. A lingua oficial é o croata. As manifestacións relixiosas en público estiveron prohibidas ata a entrada en vigor da Constitución de 1990, que no seu artigo 40 recoñece a liberdade de conciencia e relixiosa, e garante o seu libre exercicio público. A poboación croata é maioritariamente católica (73% da poboación total) e a poboación serbia, ortodoxa (11%). Outras relixións, como a musulmá e a protestante, practícaas unha pequena minoría, o 1,2% e o 0,4%, respectivamente. Ademais, existe unha reducida comunidade xudía en Zagreb. O sistema educativo estrutúrase nos seguintes niveis: infantil (31,3% da poboación escolar en 1991), primaria (23,4%), secundaria (35,9%) e superior (9,4%). De acordo coa Constitución, a educación primaria é gratuíta e obrigatoria. O sistema universitario consta de catro universidades: Zagreb, fundada en 1669, Split, Rijeka e Osijek.
Desenvolvemento humano

O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1998 situaba a Croacia entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 49º posto cun índice do 0,795). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 72,8 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 98% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 69%; e o PIB real por habitante (PPA) é de 6.749 $ USA.
Goberno e política
Baseándose no dereito histórico á plena soberanía da nación croata, recollido no preámbulo da Constitución de 1990, Croacia proclamou a súa independencia da República de Iugoslavia o 25 de xuño de 1991. Os dereitos humanos están plenamente recoñecidos pola Constitución; sen embargo, malia o artigo 15, que garantía a igualdade de todos os cidadáns croatas, a súa autonomía cultural e a liberdade para expresarse na propia lingua, a minoría serbia opúxose á promulgación da Constitución e á proclamación da República. Promulgada o 22 de decembro de 1990, a Constitución recoñecía amplos poderes ao presidente da República e establecía dúas cámaras lexislativas (de representantes do pobo e territorial); sen embargo, foi emendada en novembro do ano 2000, para introducir un sistema parlamentario, e en abril de 2001, para instituír o unicameralismo. O poder executivo está formado polo presidente da República, elixido por sufraxio universal para un período de 5 anos; o primeiro ministro, designado polo presidente da República; e o viceprimeiro ministro e o consello de ministros, designados polo presidente a proposta do primeiro ministro. Antes da reforma constitucional de 2001, o poder lexislativo era bicameral e estaba composto pola Zupanijski Dom (Cámara de Distrito) e a Zastupnicki Dom (Cámara de Representantes), que xuntas integraban o Hrvatski Sabor (Parlamento Croata). Trala reforma, o Sabor reduciuse á Zastupnički Dom, composta por un máximo de 151 membros elixidos para un período de 4 anos, dos que 140 concorren por circunscricións electorais, 6 son elixidos entre representantes dos croatas residentes no estranxeiro e 5 polas comunidades nacionais ou étnicas que supoñan un mínimo do 8% da poboación total. O sistema xudicial está baseado no dereito europeo. O Tribunal Supremo está formado por xuíces nomeados para un período de oito anos polo Consello Xudicial da República; así mesmo, o Tribunal Constitucional está constituído por xuíces nomeados polo Consello Xudicial da República, elixidos pola Zastupnički Dom. A pena de morte foi abolida para todos os delitos. Trala chegada ao poder de Mesić comezaron a ser respectados os dereitos políticos e as liberdades civís, o que permitiu que o Consello de Europa concluíse o seu período de observación iniciado en 1996. Ademais, o novo goberno anunciou a súa intención de colaborar máis estreitamente co Tribunal Penal Internacional para a ex-Iugoslavia, feito que derivou na detención de varios dirixentes militares e paramilitares sospeitosos de ter cometido crimes de guerra en Croacia e nas áreas de Bosnia-Herzegovina controladas polos croatas. Segundo as estatísticas do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados, durante o ano 2000 máis de 18.000 serbios regresaron a Croacia en virtude do Programa de Regreso, aprobado polo Sabor en 1998. Así mesmo, segundo informes elaborados por Amnistía Internacional, continúa sen coñecerse o paradoiro de máis dun milleiro de persoas “desaparecidas” durante os anos da guerra. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Segundo Protocolo Facultativo do PIDCP, relativo á abolición da pena de morte; Pacto Internacional dos Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención Contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes, realizando as declaracións previstas no artigo 22, polo que se recoñece a competencia do Comité contra a Tortura para recibir e examinar denuncias individuais de violacións do Convenio; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Protocolo Facultativo da Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Convención Internacional sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial; Convención sobre os Dereitos do Neno; Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional, asinado pero non ratificado; Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais; Convenio Europeo para a Prevención da Tortura e das Penas ou Tratos Inhumanos ou Degradantes. Os partidos políticos máis importantes son: Hrvatska Demokratska Zajednica (HDZ, Comunidade Democrática Croata), fundado en 1989 como un movemento-plataforma liderado por Franjo Tudjman. Transformouse nun movemento nacionalista e venceu nas eleccións xerais de 1992, e confirmou o seu dominio nas eleccións de 1995 e 1997. Despois da morte de Tudjman (10.12.1999), o partido disgregouse e os membros da á esquerda do partido abandonaron a formación. Integraba a membros da nomenclatura comunista, católicos fervorosos, nacionalistas convencidos, veteranos ustasha que buscaban unha cobertura política, e neoliberais. Socijaldemokratska Partija Hrvatska (SDP, Partido Social Demócrata de Croacia), naceu en maio de 1994, como fusión do SDSH de Antun Vujics e do SDH de Racan, herdeiro da Liga dos Comunistas de Croacia. Opúxose con forza ao nacionalismo e defendeu os intereses dos traballadores dunha Croacia multiétnica. Dende 1995, os seus resultados electorais foron en aumento e no 1998 converteuse na principal forza da oposición. Nas eleccións de xaneiro do ano 2000 acadou os mellores resultados e pasou a integrar a coalición gobernamental. Aliouse cos movementos obreiros e sociais, as organizacións de mulleres e as diversas agrupacións xuvenís. Hrvatska Socijalno Liberalna Stranka (HSLS, Partido Social Liberal Croata), fundado no 1989, recollía no seu programa elementos liberais, democráticos e nacionalistas. Foi o principal partido da oposición en 1992 e 1995, e despois dunha crise interna estableceu unha alianza co SDP e consolidouse. Forma parte do goberno dende o ano 2000. Hrvatska Seljacka Stranka (HSS, Partido Campesiño Croata), fundárono Stjepan Radic e Vlatko Macek en 1904, chegou a representar case o 80% do electorado croata na período de entreguerras. Defende no seu programa os valores tradicionais, a familia e a estabilidade social e económica. A maior parte do seu electorado radica nas áreas suburbanas. Entre as formacións de tipo rexional ou étnico destacan Istranka Demokratska Stranka (IDS, Asamblea Democrática de Istria), que defende o réxime federal para Croacia e puntos de vista liberais; e Srpska Narodna Stranka (SNS, Partido do Pobo Serbio), que representa a maioría dos serbios que desexan permanecer en Croacia e que se ocupa da defensa dos seus dereitos e da preservación da súa identidade cultural. Administrativamente, o país divídese en 20 condados e a cidade de Zagreb. Tralo colapso da antiga Iugoslavia en 1991, sucedéronse varios conflitos internacionais entre Croacia e as restantes repúblicas iugoslavas. A Eslavonia Oriental, dominada pola etnia serbia, retornou ao control croata durante o conflito entre croatas e serbios baixo a administración de transición das Nacións Unidas para Eslavonia Oriental o 15 de xaneiro de 1998. Progresaron as conversas con Italia para a resolución dun conflito bilateral, que databa da Segunda Guerra Mundial, relativo ás propiedades e aos dereitos da minoria étnica de orixe italiana asentada na península de Istria. Logo dun longo proceso negociador, Croacia cedeulle un paso a Eslovenia por Koper para permitirlle a saída natural ao Adriático. Iugoslavia discute a soberanía croata da península de Prevlaka, que domina o acceso da baía de Boka Kotorska (Montenegro); o territorio está baixo a vixilancia da misión de observadores militares da ONU en Prevlaka. Forma parte destes organismos internacionais: Asociación para a Paz da Organización do Tratado do Atlántico Norte, Banca Europea para a Reconstrución e o Desenvolvemento (EBRD), Consello de Europa, ONU, e Organización sobre a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE).
Historia
Os romanos estableceron a primeira colonia nos territorios dos ilirios en Salona, preto de Split, no 229 a C. Durante o goberno de Augusto, o Imperio Romano estendeuse sobre as costas do Adriático e creáronse as provincias de Iliria (Dalmacia e Bosnia) e Panonia (Croacia). Despois da división do Imperio Romano (395), os territorios das actuais Eslovenia, Croacia e Bosnia-Herzegovina quedaron incluídas no Imperio Romano de Occidente.
Dos principados croatas ao reino de Croacia
Segundo algúns autores, as orixes do pobo croata estarían nos nómades sármatas que habitaban en Asia central a comezos do s III d C, que deixaron as estepas e migraron cara a Europa xunto cos hunos. A finais do s IV d C asentáronse nos territorios de Bohemia, Ucraína e o S de Polonia. Durante o s VI desprazáronse cara ao val inferior do Danubio, chegaron ás costas do Adriático (614) e entre o 620 e o 630 instaláronse nos territorios das vellas provincias romanas despois de expulsar os ávaros dos seus territorios, a petición do Emperador Heraclio. As tribos croatas estendéronse por Panonia e Iliria no s VII e adoptaron a relixión cristiá. No s VIII organizáronse nos ducados de Panonia e Dalmacia, pero segundo o acordo entre os francos e os bizantinos (812), Panonia pasou ao poder dos francos, polo que Dalmacia quedou en mans dos bizantinos. Liberados do dominio dos bizantinos e francos, a mediados do s IX, os ducados constituíron a base do primeiro reino croata independente. O duque Tomislav de Dalmacia (903-928) unificou os territorios entre o río Drave e o Mar Adriático, estableceu unha alianza cos bizantinos para controlar os búlgaros e foi recoñecido como monarca polo papa (925). Os monarcas que o sucederon tiveron que facer fronte ao Imperio Búlgaro en Panonia e os húngaros no norte, e durante o reinado de Stjepan Drzislav (969-997) detiveron os venecianos no seu avance pola costa de Dalmacia. O Rei Petar Kresimir (1058-1074) desfixo esa alianza e aproximouse ao papa, polo que Croacia acadou a máxima extensión territorial. Dimitrije Zvonimir, o seu sucesor, foi coroado por un legado pontificio no 1076 e participou no conflito entre o Papa Gregorio VII e o emperador de Alemaña, atacando os aliados do emperador no 1077. Posteriormente, aliouse co reino normando de Sicilia fronte aos ataques dos bizantinos e dos venecianos (1083) e acadou unha gran vitoria. Despois do seu falecemento sen fillos, produciuse un baleiro de poder que aproveitaron os bizantinos para reconquistar Dalmacia. A raíña viúva, Helena, reclamou a coroa para o seu irmán, o Rei Ladislao I de Hungría, mentres un grupo de nobres nomearon monarca a Esteban, sobriño de Kresemir. O Rei Ladislao I impúxose en Panonia (1091); sen embargo, foi o seu fillo Kolomán de Hungría quen derrotou o derradeiro dos pretendentes ao trono, Petar Svacic, no 1097. Foi coroado monarca de Croacia, Eslavonia e Dalmacia no 1102, despois de asinar os Pacta Conventa, que establecían unha unión persoal perpetua entre os reinos, aínda que os croatas conservaron a súa autonomía, simbolizada no seu Parlamento (Sabor) e na figura do vicerrei (ban).
Croacia gobernada polos monarcas húngaros

Os croatas tiveron que afrontar numerosos conflitos no límite S dos seus territorios, primeiro cos bizantinos e despois cos venecianos, que se estableceron na costa da Dalmacia dun xeito estable dende o s XV. Ao mesmo tempo, os avances turcos nos Balcáns durante o s XIV someteron os territorios de Serbia, baixo á monarquía húngara dende o s XII, despois da derrota en Kosovo (1389). Os turcos continuaron os seus avances conquistando Bosnia (1465) e, despois de vencer as tropas croatas e húngaras nas batallas de Krbavsko Poljé (1493) e de Mohács (1527), consolidaron as súas posesións en Eslovaquia. Deste xeito, Croacia quedou reducida a unha franxa que abarcaba dende o río Drava ata o Adriático.
Croacia integrada no Imperio dos Habsburgo
Despois da morte do monarca húngaro-croata Luís II na Batalla de Mohács, o Sabor croata elixiu o duque Fernando de Habsburgo (1527) como monarca, na procura de protección contra os turcos. A consecuencia dos ataques dos musulmáns, produciuse un movemento masivo da poboación croata cara ao N, ao S e ao O, e a nobreza croata, castigada pola guerra e a despoboación dos seus feudos, perdeu boa parte do seu poder económico e militar, e viuse incapaz de ocuparse da defensa dos territorios. Os austríacos, para protexerse dos ataques turcos, estableceron durante o s XVI nos territorios fronteirizos de Croacia co Imperio Otomano, os denominados Vojna Krajina ou fronteira militar, situados baixo a xurisdición militar, e favoreceron a instalación de poboacións serbias e valacas. O goberno austríaco, para atraer poboadores a estes territorios devastados, concedeulles diversos privilexios, entre eles a posesión dun feudo e gando, a cambio da obriga que tiñan os homes de prestar servizo militar. Dende o Acordo de Bruck (1578), as provincias de Austria ocupáronse de soster a Vojna Krajina, que medrou durante o s XVII. Ao mesmo tempo, os turcos facilitaron o establecemento nos seus territorios de poboadores serbios que fuxían dos Balcáns. Os austríacos recuperaron o dominio dunha parte de Croacia en 1699 polo Tratado de Karlowitz, pero a Vojna Krajina mantívose e aumentou a súa extensión. Os Habsburgo, que pretendían estenderse cara a Europa central e sudoriental, modernizaron a Vojna Krajina para empregala nesta conquista e transformaron os colonos en soldados regulares baixo o seu control directo. Durante o s XVIII, o goberno austríaco tentou limitar os dereitos estatais de Croacia e Hungría, para convertelas en provincias integradas no Imperio, pero as nobrezas húngara e croata resistiron os intentos asimiladores e no 1767 produciuse unha sublevación da nobreza contra os Habsburgo que fracasou.
As Provincias Ilirias e os movementos nacionalistas croatas
Durante as campañas napoleónicas, os franceses conquistaron a República de Venecia (1797) e ocuparon o S de Croacia. No 1808 penetraron en Dubrovnik e integraron os territorios de Croacia, Dalmacia, Istria e Eslavonia nas Provincias Ilirias (1809). Este novo estado supuxo un estímulo para a unidade dos eslavos do S e o nacionalismo croata, pero despois do Congreso de Viena (1815), a dinastía dos Habsburgo estableceu a súa soberanía sobre estes territorios; só Bosnia-Herzegovina quedou fóra do seu dominio. Durante a revolta húngara (1848-1849), o Parlamento de Hungría decidiu limitar a autonomía de Croacia. Os croatas responderon declarando a separación de Hungría, aboliron a servidume e estableceron a igualdade entre os cidadáns. Os enfrontamentos entre húngaros e croatas axudaron os austríacos a recuperar o poder e, como recompensa pola súa colaboración, os croatas recuperaron a figura do ban, na figura do coronel Jelacic. Os principios nacionalistas que se espallaban por Europa reflectíronse en Croacia na constitución do Movemento Ilirio no 1835, baixo o liderado do poeta Ljedevit Gaj, que defendía a unión dos pobos eslavos do S. As aspiracións nacionalistas dos croatas medraron durante a segunda metade do s XIX e o bispo Josip Strossmayer continuou a liña do Movemento Ilirio e creou a Academia Iugoslava das Artes e das Ciencias en Zagreb. Co abandono de Ante Starcevic do Movemento Ilirio despois de 1848, rachou coa defensa da unidade dos pobos eslavos do S, e iniciou a glorificación da historia do Estado croata como xustificación da súa independencia mentres limitaba a importancia dos serbios. O Imperio Autríaco dividiuse en dúas coroas, con dúas nacións dominantes, Hungría e Austria, no 1867, e Croacia xunto con Dalmacia e Eslavonia integrouse como unha unidade diferenciada dentro da Coroa húngara en 1868. Entre os dereitos que aparecían recoñecidos no Tratado croata-húngaro incluíanse aqueles que garantisen o emprego da súa lingua, a dirección da educación pública, do culto e da xustiza, e tamén o nomeamento de deputados que representasen a Croacia no Parlamento húngaro para o debate de asuntos comúns. Durante o goberno do ban Ivan Masuranic, o novo sistema funcionou, pero logo da ocupación de Bosnia-Herzegovina, o goberno de Hungría convenceu a Viena para que suprimise os territorios militares de Croacia e Eslovenia (1878), e con eles os seus privilexios. A oligarquía húngara emprendeu unha política de aculturación que se atopou coa resistencia do movemento nacionalista, encabezado polo bispo Josip Strossmayer. A aparición de movementos como o Hrvatska Seljaaka Stranka (HSS, Partido Campesiño Croata), fundado por Stjepan Radić e Vlatko Macek (1904) perfilou a aspiración ao establecemento dun programa unitario.
O reino de Iugoslavia e o Estado fascista de Ante Pavelić
Durante a Primeira Guerra Mundial, os líderes croatas, serbios e eslovenos constituíron en París (1915) un Comité Iugoslavo que defendía a separación do Imperio e a unión coa Serbia independente. Logo da derrota dos austro-húngaros na Primeira Guerra Mundial, o Sabor proclamou a independencia do país (29.10.1918); nese mesmo acto entregou o poder ao Consello Nacional Croata, que realizou unha chamada á unión cos outros pobos eslavos do S. O Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos constituíuse o 1 de decembro de 1918 e a dinastía serbia emprendeu unha política de fusión que chocou coa independencia e a autonomía dos croatas. O centralismo serbio reflectiuse na Constitución de Vidovdan (1921) e espertou a resistencia das outras nacionalidades do reino no período de entreguerras. O HSS liderou o enfrontamento co centralismo serbio e Radic emprendeu unha campaña por Europa, coa proclamación da independencia de Croacia. Posteriormente, chegou a un acordo co monarca Alexandre I e formou parte de goberno de Belgrado, entre 1925 e 1926, pero morreu asasinado no Parlamento de Belgrado (1928). En 1929, nunha situación marcada pola tensión e o expansionismo italiano, constituíuse o Partido Fascista Croata de Ante Pavelić. O Rei Alexandre I enfrontouse ás continuas folgas e alteracións da orde pública, e tamén aos enfrontamentos entre croatas e serbios. Despois de suspender a Constitución de 1921, disolveu o Parlamento e estableceu a ditadura. Ao mesmo tempo, o reino cambiou o seu nome polo de Iugoslavia nese mesmo ano. Mentres, Ante Pavelić refuxiábase en Italia, onde organizou unha campaña terrorista coa axuda dos fascistas católicos croatas, os ustasha, que culminou co asasinato do monarca e do ministro de Exteriores en Marsella (9.10.1934). O príncipe Paulo exerceu a rexencia durante a minoría de idade do herdeiro Pedro II e achegouse aos gobernos fascistas de Italia e Alemaña. Unha reorganización administrativa en 1939 permitiu a creación da provincia autónoma de Croacia, que incluía os antigos dominios húngaros e a rexión de Dalmacia, chamada Banovina de Croacia e declarada nominalmente independente. O 6 de abril de 1941, Iugoslavia foi invadida por Alemaña, Italia, Hungría e Bulgaria, e os alemáns permitiron que Ante Pavelić e o movemento fascista dos ustasha organizase o Estado independente de Croacia, sobre os territorios de Croacia e Bosnia-Herzegobina. Os ustasha colaboraron no esforzo bélico alemán na fronte rusa e emprenderon a expulsión dos serbios ortodoxos de Croacia; máis tarde estenderon a campaña e iniciaron o exterminio dos grupos de opositores, dos serbios, dos xudeus e dos xitanos. As masacres dos ustashas croatas recibiron como resposta as sanguentas vinganzas dos chetnik serbios e obrigaron os croatas antifascistas a integrarse nos grupos de partisanos comunistas, para non sufrir represalias. Os partisanos, dirixidos por Tito, proclamaron a nova República en Bosnia no 1943 e coa axuda dos aliados liberaron a costa dálmata en 1944. As loitas cos ustasha continuaron ata o colapso das tropas alemanas.
A República Popular de Croacia integrada na República Popular Federativa de Iugoslavia
O goberno comunista de Tito suprimiu os signos de nacionalismo de orixe étnica outorgando todo o poder ao Partido Comunista, multiétnico por definición. Pola Constitución de 1946 estableceuse unha República Federal formada por Serbia, Croacia, Eslovenia, Bosnia-Herzegovina, Macedonia e Montenegro. A República Popular de Croacia foi constituída no 1946 e incluía a rexión da Croacia histórica xunto coa costa de Dalmacia e Istria. O territorio libre de Trieste, recoñecido polo Tratado de París de 1947, dividiuse en 1954 e a metade sur integrouse en Croacia, mentres que o norte pasou a Italia. Durante os anos sesenta, Croacia e Eslovenia adiantáronse economicamente ás repúblicas meridionais e encabezaron as esixencias dunha maior autonomía. No 1967 produciuse unha protesta colectiva coñecida como “a primavera croata”, que rematou en decembro de 1971 cunha purga dos líderes croatas e, dun xeito paralelo, a purga dos nacionalistas en Serbia, Eslovenia e Macedonia. Para aliviar a tensión realizouse unha reforma constitucional (1971) que restrinxiu os poderes do goberno federal e creou unha presidencia colectiva composta por 23 membros, coa misión de conducir a sucesión de Tito. En 1974 aprobouse unha nova Constitución na que se reforzaba o carácter federal de Iugoslavia e se aseguraba que cada unha das repúblicas, con independencia da súa poboación, tería a mesma voz nas institucións federais. Estableceuse a condición rotatoria da presidencia colectiva e ampliáronse os dereitos económicos de cada unha das repúblicas. Tito foi designado presidente vitalicio e permaneceu á fronte da política exterior ata a súa morte en maio de 1980. Posteriormente, o sistema comezou a rachar.
A proclamación do Estado independente de Croacia
A situación económica de Iugoslavia na decada dos oitenta estivo marcada por unha grave crise que culminou en 1989 cunha inflación do 2.665% e unha enorme débeda externa. O goberno federal decidiu aplicar unha política económica de choque, pero as diferencias entre os territorios máis desenvolvidos (Eslovenia e Croacia) e os empobrecidos (Montenegro, Kosovo e Macedonia) dificultou o desenvolvemento destas medidas. Nesta situación, as elites políticas de Croacia e Eslovenia consideraron unha vantaxe para as súas repúblicas abandonar a federación e deixar de financiar as repúblicas menos industrializadas do sur. Nas eleccións libres de abril-maio do 1990, a Hrvatska Demokratska Zajednica (HDZ), dirixida por Franjo Tudjman e partidaria de que Iugoslavia se convertese nunha confederación de estados soberanos, acadou a maioría e derrotou con facilidade o Partido Comunista. Franjo Tudjman foi elixido presidente de Croacia o 30 de maio de 1990 e o 22 de decembro de 1990 promulgábase unha nova Constitución que, segundo a minoría serbia, non ofrecía as suficientes garantías ás minorías que residían dentro das súas fronteiras. A consecuencia desta situación, a comunidade serbia que residía en Croacia (ó redor de 600.000 persoas) emprendeu mobilizacións para conseguir a intervención do exército federal, controlado polos serbios. Tralo referendo celebrado en maio de 1991, no que o 93% dos croatas votaron pola soberanía e a independencia do país, o 25 de xuño, Eslovenia e Croacia proclamaron a súa independencia. Nese mesmo momento, o enclave serbio de Krajina proclamou a independencia de Croacia, feito que derivou en duros enfrontamentos nesa zona (ó redor de Knin), na Baranja (ó N do río Drava, frente a Osijek) e na Eslavonia (na rexión ao oeste do Danubio). O exército federal iugoslavo, constituído maioritariamente por serbios, interveu en Croacia a favor dos guerrilleiros serbios e, despois de tomar os pasos fronteirizos, avanzou sobre territorio croata ocupando case unha cuarta parte do país nos meses seguintes. En setembro de 1991, o goberno croata bloqueou as instalacións militares federais da súa república e obtivo os equipos e materiais bélicos. Como resposta, o exército federal bloqueou as costas do Adriático e a cidade de Vukobar, no Danubio. Os enfrontamentos continuaron e o exército federal avanzou sobre Dubrovnik en outubro de 1991, en tanto que finalizaba a moratoria de tres meses que dera Croacia á súa declaración de independencia. O goberno de Tudjman detivo os líderes e disolveu as milicias do Hrvatska Stranka Prava (HSP) en novembro de 1991, baixo a acusación de conspirar contra as autoridades legais. A Unión Europea (UE), encabezada por Alemaña, recoñeceu oficialmente o 19 de decembro de 1991 a independencia de Eslovenia e de Croacia, despois de que o Parlamento croata modificase a Constitución para protexer as minorías e os dereitos humanos. E, ao mesmo tempo, os serbios de Krajina (no S de Croacia) e de Eslavonia, Baranja e Serm Occidental autoproclamaron a Srpska Krajina Republic (República de Krajina). A presenza de diversos mediadores, como lord Carrington enviado pola UE, deu lugar ao establecemento de altos o fogo, que foron sistematicamente transgredidos. En decembro de 1991, o enviado especial da ONU, Cyrus Vance, iniciou unhas negociacións sobre o despregue dun conxunto de forzas da ONU, a UNPROFOR, naquelas comarcas de Croacia baixo o dominio dos serbios. Nese momento, as tropas federais serbias e as guerrillas controlaban case un terzo dos territorio croata. Serbia e Croacia aceptaron a proposta de Vance, pero os representantes de Krajina rexeitaron a oferta e os 14.000 soldados da UNPROFOR que tiñan a misión de vixiar a paz non se instalaron ata febreiro de 1992. Os EE UU recoñeceron a independencia de Croacia e Bosnia-Herzegovina en abril de 1992 e a Asemblea Xeral da ONU admitiu entre os seus membros a Eslovenia, Croacia e Bosnia-Herzegovina en maio de 1992. Os nacionalistas croatas, dirixidos por Mate Boban, proclamaron o Estado Independente en Bosnia, sobre dúas zonas que limitan con Croacia, o 3 de xullo. O presidente Franjo Tudjman resultou reelixido o 2 de agosto de 1992, mentres o Hrvatska Socijalno Liberalna Stranka (HSLS), se convertía na principal forza opositora. Franjo Tudjman tivo que enfrontarse á declaración do líder dos serbios de Bosnia, Radovan Karadzic, en novembro de 1992, na que presentou o proxecto de confederación entre a República Serbia de Bosnia-Herzegovina e a República de Krajina. As tensións entre Croacia e Krajina aumentaron despois dese anuncio e Franjo Tudjman ofreceu a amnistía xunto cunha relativa autonomía aos serbios de Krajina. Posteriormente, reiniciáronse as hostilidades e en xaneiro de 1993 o exército croata iniciou unha ofensiva contra a autoproclamada República Serbia de Krajina, na que se apoderou dalgúns puntos estratéxicos como o aeroporto de Zemunik. A consecuencia deste enfrontamento, o Consello de Seguridade da ONU aprobou prolongar o mandato da UNPROFOR estacionada en Croacia. Durante o conflito construíronse numerosos campos de prisioneiros para a poboación serbia e Amnistía Internacional recibiu informes referidos a numerosas execucións extraxudiciais efectuadas polo exército croata. A comezos de 1994, os gobernos de Croacia e Serbia chegaron a un acordo para o restablecemento do transporte e das comunicacións entre ambas as dúas repúblicas. Nese mesmo ano, Croacia dominou a inflación malia a crise na industria, do desemprego e da emigración masiva. As tropas croatas reconquistaron a rexión da Eslavonia Occidental, que fora ocupada polos serbios entre o 1 e o 2 de maio de 1994. Entre o 4 e 7 de agosto de 1995, o exército croata reconquistou a rexión de Krajina, expulsou os civís e militares serbios (ó redor de 250.000 persoas) despois de sometelos a torturas e roubos. A ocupación de Krajina considerouse unha das maiores operacións de limpeza étnica realizadas no transcurso deste conflito bélico. Despois da súa vitoria en Krajina, Croacia recuperou a iniciativa militar e iniciou unha ofensiva contra os serbios en Bosnia, ao mesmo tempo que as forzas da OTAN bombardearon durante semanas as áreas de Bosnia controladas polos serbio-bosnios. Como consecuencia desta situación, o presidente Slobodan Milosevic aceptou comezar as negociacións de paz patrocinadas polo goberno de Clinton. As reunións tiveron lugar en Dayton (Ohio) dende comezos de novembro de 1995 e nelas participaron os presidentes de Serbia (Slobodan Milosevic), Croacia (Franjo Tudjman) e Bosnia-Herzegovina (Alija Izetbegovic). O tratado que puxo fin a este conflito asinouse o 21 de novembro de 1995 e nel recollíase a creación dun Estado bipartito entre os serbio-bosnios e os croata-musulmáns sobre o territorio de Bosnia-Herzegovina.
A República de Croacia trala guerra
O presidente Tudjman aproveitou a conxuntura favorable para convocar eleccións lexislativas anticipadas o 29 de outubro de 1995, que gañou o seu partido. Tudjman populista, autocrático e acusado de corrupción e nepotismo, foi reelixido nas eleccións presidenciais do 15 de xuño de 1997 coa maioría dos votos. Malia as presións dos países occidentais para que permitise o retorno dos refuxiados serbios e pese á aparición a finais de 1997 e comezos de 1998 de denuncias de abusos e crimes cometidos polos croatas na contraofensiva para conquistar a rexión de Krajina, Tudjman negouse a colaborar co Tribunal Penal Internacional para a antiga Iugoslavia ao non entregar os acusados residentes en Croacia. O 15 de xaneiro de 1998, a rexión de Eslavonia Oriental, incluído Vukobar, reintegrouse en Croacia, despois da aplicación dos acordos de Dayton. A escisión en dúas forzas do HSLS, principal partido da oposición croata, produciuse a finais de xaneiro de 1998; dela saíu un novo HSLS e o Liberalna Stranka (LS). Durante ese ano, Croacia emprendeu unha aproximación á Unión Europea e á OTAN, confirmada pola visita da secretaria de Estado dos EE UU, Madeleine Albright, en setembro de 1998. A recuperación da economía que experimentou Croacia no 1998 permitiu o deseño dun ambicioso programa de reconstrucións das comunicacións, que continuou no ano seguinte. Os contactos establecidos polo presidente Tudjman con Rusia, Grecia e Turquía e os acordos de cooperación establecidos con Israel permitiron continuar a apertura do país en 1999. Despois da morte do presidente Franjo Tudjman o 10 de decembro de 1999, o nacionalismo croata perdeu moita forza e nas eleccións lexislativas, celebradas o 3 de xaneiro do 2000, o HDZ sufriu a derrota fronte a unha coalición de seis partidos da oposición. O novo Parlamento nomeou primeiro ministro a Ivica Racan, líder do Socijaldemokratska Partija Hrvatska (SDP ) e nas eleccións presidenciais celebradas o 6 de febreiro do ano 2000 foi elixido Stipe Mesic. Os obxectivos deste goberno centráronse na integración na Unión Europea, na loita contra a corrupción imperante, na reforma do exército e na limitación dos poderes presidenciais. Dentro deste contexto, Croacia ingresou como socio na Asociación para a Paz da OTAN o 25 de maio do ano 2000. Non obstante , os intentos de colaboración do goberno co Tribunal Penal Internacional enfrontáronse coa oposición dos grupos nacionalistas e dos veteranos da guerra que, acompañados por milleiros de persoas, se manifestaron en febreiro do ano 2001 no porto de Split. Nas elección locais do 20 de maio do 2001 confirmouse a recuperación que experimentaron os movementos nacionalistas, principalmente o HDZ. Pero en xullo do 2001, o Tribunal Penal Internacional solicitou a extradición de dous xenerais croatas en activo e considerados no seu país heroes de guerra, Ante Gotovina e Rahim Ademi, pola súa implicación na morte de numerosos civís serbios. A consecuencia desta petición desencadeouse unha crise na coalición gobernamental pola que os membros socioliberais da coalición no goberno presentaron a súa dimisión; o primeiro ministro Ivica Racan solicitou un voto de confianza do Parlamento e acadouno o 16 de xullo do ano 2001. Confirmouse, deste xeito, a futura cooperación co Tribunal Penal Internacional.