cromatografía

cromatografía

(

s f [QUÍM]

Método de separación baseado no diferente grao de retención que presentan os compoñentes dunha mestura problema, disolta nunha fase líquida ou gasosa, ao interaccionar ao longo dunha fase estacionaria, que pode ser sólida ou ben líquida, impregnando un soporte inerte. Empregouna por primeira vez M. S. Tswett en 1903 na separación de pigmentos vexetais. Nos anos trinta esta técnica xeneralizouse e, desde aquela, a súa evolución foi ininterrompida por mor da súa gran potencialidade para a separación de mesturas complexas de substancias orgánicas de interese farmacolóxico, bioquímico ou ambiental, e dalgunhas substancias inorgánicas, detectables en canto á súa concentración por debaixo dos mg/l. As técnicas cromatográficas en columna poden dividirse, segundo a natureza da fase móbil empregada, en cromatografía de gases e cromatografía de líquidos. Dentro da cromatografía de gases, segundo o tipo de interacción entre os solutos e a fase estacionaria, distínguense dous tipos: a cromatografía gas-sólido (GSC), na que a retención dos analitos se realiza por adsorción sobre unha fase estacionaria sólida; e a cromatografía gas-líquido (GLC), moito máis empregada, que se basea no fenómeno de repartición dos solutos entre a fase móbil gasosa e a fase líquida estacionaria fixada sobre un soporte inerte. De forma análoga, dentro da cromatografía líquida están a cromatografía líquido-sólido (LSC), onde os fenómenos de adsorción controlan o proceso de separación, e a cromatografía líquido-líquido (LLC), denominada tamén cromatografía líquida de partición. De natureza ben diferenciada, son dúas variantes máis da cromatografía de líquidos: a cromatografía de intercambio de ións, que separa os solutos mediante procedementos de intercambio iónico con certos grupos activos da fase estacionaria; e a cromatografía de permeabilidade por xel (GPC), útil para compostos de alto peso molecular, que se separan segundo a retención que sofren no poro da fase estacionaria, que depende do tamaño e forma das súas moléculas. En todas as técnicas cromatográficas en columna, os compoñentes da mestura son arrastrados pola fase móbil fóra da columna, nun proceso chamado de elución, onde localizan un detector que produce os sinais correspondentes. A representación gráfica destes sinais é o cromatograma, que presenta un pico por cada substancia analizada. A posición deste pico e a área baixo a súa curva permiten, respectivamente, a identificación e a cuantificación da substancia separada. A bondade dun proceso cromatográfico adoita avaliarse mediante dúas características que lle son propias: a eficacia, que está relacionada coa amplitude dos picos cromatográficos, e a resolución, que ten que ver coa separación que existe entre os picos dos diferentes compoñentes analizados. Unha alta eficacia e unha alta resolución implican a aparición de cromatogramas con picos estreitos e ben separados. Na cromatografía en capa fina e na cromatografía en papel substitúese a columna por unha lámina bidimensional que contén a fase estacionaria. Nestes casos, o solvente móbil faise circular dentro dunha cubeta e as manchas de cada substancia visualízanse empregando reveladores ou ben mediante fluorescencia baixo luz ultravioleta.

Palabras veciñas

cromato | cromato- | cromatóforo | cromatografía | cromatográfico -ca | cromatógrafo | cromatograma