crónica

crónica

(

  1. [HISTORIOG]
    1. crónica de Indias

      Crónica cultivada nos ss XVI e XVII, que presenta os sucesos máis destacados do descubrimento e posterior conquista de América, así como a forma que adquire o Novo Mundo dende a perspectiva europea do momento. Considerada como a primeira manifestación da literatura hispanoamericana, a súa expresión inclúe varias formas literarias: diarios, cartas, historias naturais, xerais ou particulares, e crónicas propiamente ditas. Acadaron especial relevancia no s XVI e substituíron no imaxinario colectivo as ficións medievais, cheas de acontecementos fantásticos, por narracións dun mundo real, aínda que remoto, no que as fazañas dos protagonistas eran comparables ás dos heroes da cabalería. No s XVII relegouse a crónica xeral de sucesos e impúxose a novelización dos argumentos cun ton moralizante acorde coa relixiosidade barroca. Cómpre salientar: Historia del Perú (1522), de Pedro de Cieza; La verdadera relación de la conquista del Perú y provincia del Cuzco, llamada la Nueva Castilla (1534), de Francisco de Jerez; os Naufragios (1555), de Alvar Núñez Cabeza de Vaca; e a Conquista e descubrimiento del Nuevo Reino de Granada (1636).

    2. crónica universal

      Crónica que aspira a narrar a historia do mundo coñecido. Aínda que hai precedentes coma o de Emiliano Nummio Dextre (ss IV-V), autor da perdida Historia omnimoda, foi o francés Petrus Comestor o que creou, coa súa Scholastica historia (Historia escolástica, 1173?), o tipo de crónica universal que triunfou na Baixa Idade Media. Esta modalidade textual constituíu, ademais, a base dos libros históricos da Biblia, que se completarían coas Antiquitates Iudaicae (Antigüidades xudaicas, 93-94) de Xosé Flavio, historia do pobo xudeu dende a Creación ata os tempos inmediatamente anteriores á guerra, e con narracións mitolóxicas e históricas clásicas. Baixo o estímulo dos franceses xurdiron, entre outras, a Grande e general estoria de Afonso X de Castela, o Polychronicon do inglés Ranulf Higden, e a do alemán Rufold von Ems.

    3. s f

      Texto historiográfico de carácter xeral ou particular cultivado desde a antigüidade que conta a historia dunha nación, institución, familia, individuo ou mesmo de toda a humanidade, dende as súas orixes e non enmarcada nunha unidade cronolóxica concreta, aínda que respectando a orde temporal. Esta denominación aplicouse a textos destas características dende a fin da Idade Antiga ata ben entrada a Idade Moderna. Desde as primeiras grandes civilizacións escribíronse textos históricos para dar a coñecer os feitos acontecidos. Á parte das crónicas, poden citarse, entre estes textos, os anais, os cronicóns ou as historias. Nos anais aparece a forma máis esquemática de presentar a historia, posto que relatan os sucesos ano por ano. Xa existían en Babilonia, Asiria e China, así como en Grecia e Roma, e continuaron na Idade Media. Na Península, entre outros, cómpre citar os Annales Compostellani, os Annales Portugalenses Veteres, os Anales castellanos II os ou os diferentes Anales Toledanos. Os cronicóns narraban os feitos dunha maneira sucinta e concisa. O primeiro grande autor dun Cronicón foi Eusebio de Cesarea, autor dos Chronici Canones (s IV), obra que narra os feitos desde Abrahán ata Diocleciano e da que se fixeron refundicións e continuacións posteriores. Así, san Xerome relatou os sucesos ata o ano 378 e Hidacio ata o ano 469. Nos estudios históricos sobresaen dous autores galegos: o citado Hidacio e Paulo Orosio. O primeiro presenta no seu Chronicon a primeira Crónica Peninsular e nela concédelles un papel destacado aos feitos ocorridos na Gallaecia. O segundo, alén doutras obras, é autor de Historiarum Adversus Paganos libri septem, a primeira grande historia universal, na que tamén recolle feitos relacionados con Galicia, como os combates do Monte Medulio. Na Península existen en latín outros escritos de carácter histórico: santo Isidoro de Sevilla escribiu a Historia Gothorum e a Chronica maiora e presenta a historia de España a partir dos godos. Despois del aparecen crónicas árabes, a Crónica mozárabe de 754, o Liber Chronicorum ab exordio mundi usque eram MCLXX do bispo Pelaxio de Oviedo, o Chronicon Burgense, a Crónica Albeldense (883?), a Crónica de Afonso III, a Crónica Silense (1115?), a Chronica Adephonsi Imperatoris (1147?), o Liber Regum, a Crónica Najerense (1160?), que incorpora relatos épicos, etc; en Galicia a Historia Compostellana, o Chronicon Iriense ou o Chronicon ex Historiae Compostellanae; en Portugal o Cronicon Lusitano, en Catalunya a Gesta comitum barcinonensium, etc. Outras obras famosas son o Chronicon Pontificum et Imperatorum Romanorum (1220-1227) de Gilbertus, do que se fixo unha refundición na Península (Chronica omnium Pontificum et Imperatorum Romanorum), e o Chronicon Mundi do bispo Lucas de Tui, que presenta a historia peninsular. Posteriormente, seguindo a santo Isidoro, a Gilbertus, a Lucas e outros textos, o arcebispo de Toledo, Rodrigo Ximénez de Rada escribiu De rebus Hispaniae, coa historia dos godos (Historia Gothica), dos romanos (Historia Romanorum), dos ostrogodos (Ostrogothorum Historia), dos hunos, vándalos, suevos, alanos e silingos (Hunnorum, Vandalorum, Suevorum, Alanorum et Silinguorum Historia) e dos árabes (Historia Arabum). No mesmo s XIII empezan as grandes crónicas en romance. En catalán aparece a Crònica de Jaume I e despois a Crònica de Bernat Desclot, a Crònica de Ramon Muntaner, a Crònica de Pere el Ceremoniós e a Crònica de Sant Joan de la Penya. En Castela Afonso X prepara a Estoria de España e a General Estoria. O Rei Sabio dispuña dun equipo de colaboradores que reunían os materiais, facían a tradución dos textos latinos ou árabes, casaban as distintas versións e redactaban os capítulos que logo el mesmo revisaba e unificaba. Para a Estoria de España utilizouse a obra de Ximénez de Rada, completada coa de Lucas de Tui, con outras obras históricas europeas e peninsulares e con cantares épicos e lendas históricas, referencias aos emperadores e papas, etc. Da Estoria de España consérvanse numerosos manuscritos e varias versións (versións rexia, vulgar, concisa, emendada despois de 1274 e crítica). O rei non chegou a rematar a obra e só a revisou ata o reinado de Afonso VII; máis tarde engadíronse os feitos de Fernando III desde 1243 ata a súa morte e máis episodios tomados de novas fontes. Tamén a finais do XIII se confeccionou a Crónica de Castilla (desde Fernando I a Fernando III), que incorpora a historia fabulosa do Cide do pseudo ibn ‘Alqama, as Mocidades de Rodrigo e numerosos poemas épicos. Cómpre subliñar a interrelación que se produciu entre as Crónicas e o papel que xogaron as diversas traducións feitas ao galego da Estoria de España de Afonso X e da Crónica de Castilla, porque estas traducións serviron de base para a Crónica Galega de 1404 e para a Crónica Geral de Espanha de 1344, escrita en portugués polo conde de Barcelos e despois traducida ao castelán na Crónica de 1344, obra que representa a última gran tentativa de compoñer “crónicas xerais”. No s XIV aparecen as crónicas particulares, como en Castela a Crónica de Alfonso XI e a Crónica de tres reyes de Fernán Sánchez de Valladolid; a Crónica de Enrique III de Pero López de Ayala, a Gran Crónica de Alfonso XI, etc. En vez de “crónicas xerais” fanse Sumarios das primitivas Crónicas e no s XV adquire un valor importante pola súa utilización un texto derivado das traducións da obra de Ximénez de Rada, ao que se engaden pasaxes da Estoria de Afonso X e outras fontes para dar lugar ás Estorias del fecho de los godos. En Portugal existen Livros de Linhagens, as Crónicas Breves de Santa Cruz de Coimbra, a Crónica de Portugal de 1419 e no s XV numerosas crónicas particulares, empezando polas do famoso cronista Fernão Lopes.

  2. s f [PUBLIC]
    1. Texto narrativo que inclúe tanto o artigo do xornal como unha información radiofónica ou televisiva. O seu obxectivo é relatar feitos de actualidade de calquera ámbito (artístico, político, deportivo, etc) que se desenvolven ao longo dun período determinado de tempo.

      Ex: Escribiu unha crónica de sucesos para o xornal no que traballaba. As crónicas deportivas que emite esa canle son moi rigorosas.

    2. Sección dun periódico ou doutro medio de comunicación dedicada a unha determinada clase de noticias (políticas, deportivas, artísticas, etc).

      Ex: Cada vez ten máis acollida na prensa diaria a crónica rosa. A crónica negra está ateigada de crimes e catástrofes.