Crónica de 1404
Obra galega que se conserva, total ou parcialmente, en tres manuscritos do s XV. O manuscrito máis arcaico, de comezos do s XV, atópase na Biblioteca Menéndez y Pelayo de Santander; escrito en pergamiño, está incompleto e só conserva 162 folios. Tal e como se transmitiu, comprende o período histórico que vai desde a época de Fernán González de Castela ata a conquista de València polo Cide. Un segundo manuscrito aparece no mosterio de San Lorenzo de El Escorial (manuscrito X-i-8), con 331 folios, en papel, e comprende desde o comezo da Crónica ata a metade do reinado de Afonso VI e a historia do Cide. Contén unha tradución para o castelán, feita con moitos erros de lectura, lagoas e galeguismos. O terceiro códice (na Hispanic Society of America de Nova York), de mediados do s XV, está completo e consta de 363 folios, en papel, con letra gótica cursiva. Neste manuscrito o copista, mal coñecedor do castelán, pretendeu inicialmente facer unha tradución para esta lingua, que lle saíu con numerosos galeguismos e formas hipercaracterizadas. Despois do folio 58v abandonou esta tentativa e continuou ata o final en galego. A Crónica está constituída por catro partes desiguais. A primeira abrangue desde o principio do mundo ata a chegada dos godos á Península e nela o autor utiliza varias fontes. Segue a Chronica de santo Isidoro de Sevilla (a través do Liber Chronicorum ab exordio mundi usque eram MCLXX do bispo Pelaxio de Oviedo) e acrecenta numerosos episodios tomados de fontes clásicas (a través de textos romanceados medievais), da Biblia ou textos relixiosos, da Historia de rebus Hispaniae de Rodrigo Ximénez de Rada, do Liber Regum e de fontes artúricas (o relato de Faeton, a creación dos centauros, a materia das orixes míticas dos godos e das amazonas, os capítulos 8o e 9o do Livro de Daniel, a profecía da destrución de Xerusalén, a adoración dos Reis Magos e a Epifanía, as conquistas de Alexandre o Grande e a historia dos reis da Bretaña). A segunda parte comprende desde a chegada dos godos ata o reinado de Ramiro I, coa inclusión da historia dos reis vándalos, silingos, alanos e suevos. Nela fai unha tradución da Estoria de España de Afonso X, con absoluta fidelidade, aínda que tamén omite algúns fragmentos por descoido, realiza pequenas amplificacións localistas e algunhas mudanzas para aumentar ou simplificar a información. A terceira parte é a máis ampla e abrangue desde o reinado de Ramiro I ata a morte de Fernando III. Para a súa realización o autor copiou integramente a tradución galega da Crónica Xeral e da Crónica de Castela e incrementouna cunha historia das Cruzadas, que tomou da Historia rerum in partibus transmarinis gestarum, de Guillerme de Tiro, directamente da fonte latina ou a través dalgunha versión romance. Esta interpolación comprende desde a pregación da Cruzada polo Papa Urbano II ata a toma de Xerusalén por Saladino no reinado de Afonso VIII. A cuarta parte é un pequeno resumo dos reinados posteriores ao de Fernando III (inclúe os últimos feitos do seu reinado e os reinados sucesivos ata o de Enrique III). A Crónica acabouse de redactar en 1404 e descoñécese quén foi o autor, se ben por datos que fornece a obra pode saberse que era galego e que en 1390 estaba en Castela. Máis ca un verdadeiro historiador, o autor é un simple compilador que copiou primeiramente toda a tradución galega da Crónica Xeral e da Crónica de Castela e despois completou este texto con outras fontes -especialmente relixiosas, milagrosas ou teolóxicas-, xustapóndoas sen facer unha elaboración propia e só con algunha pequena intervención persoal. Esta Crónica ten interese porque serve de complemento á Crónica Xeral e permite coñecer o estado da lingua a comezos do s XV.