Crónica de Nós

Crónica de Nós
[LIT]

Libro de relatos publicado por Xosé Luís Méndez Ferrín en 1980. Constitúe unha crónica xeracional en clave lírica da Galicia do s XX en oito relatos, nos que se combinan modelos clásicos e procedementos vangardistas, á vez que articula unha reivindicación nacionalista a través da presentación épica de personaxes da historia de Galicia. Na nota epilogal fai explícita a preocupación política común ao libro: “Por riba de todo aletexa -é obvio- a tentación dunha imposíbel crónica lírica que nos dou a besta burguesa e viva Galicia independente e socialista”. En efecto, a conciencia nacionalista e de clase é o tema central da maioría dos contos. En “Sibila” presenta os intelectuais e artistas da xeración de 1925, coas súas preocupacións vangardistas, teosóficas e científicas; coa súa vinculación ao Seminario de Estudos Galegos e ás revistas Alfar e Ronsel a partir dunha poetización do ensaio de Xesús Bal y Gay “La generación gallega de 1925”. Reflite a fascinación do fascismo sobre as masas e algúns artistas. Os seus protagonistas sucumben á atracción do mal, onde se xuntan beleza e horror, ata o extremo de atopar o seu premio e a súa condena na asunción masoquista da humillación e da tortura. Na mesma liña están “Morrer en Laura” e “Episodio de caza”. O primeiro presenta dous mundos contrapostos a través dunha viaxe no tempo, o círculo Azor, co seu intelectualismo fascista, e a UPG, liña proletaria de pensamento nacionalista revolucionario. O segundo articúlase sobre a oposición ideolóxica do mundo e evoca o galeguismo cultural adoptado pola maioría dos membros da FUEG trala Guerra Civil, fronte á resistencia armada do Exército Guerrilleiro de Galicia, nunha denuncia explícita da covardía da clase intelectual. “Odiado Amado” denuncia o nacionalismo pequeno burgués, que acaba emparentado co mesmo nazismo, e evoca a traxectoria vital e ideolóxica do protagonista Amado Noia a través dunha folga xeral en Vigo. O personaxe convértese no destinatario dunha serie de descualificacións que lle dirixe un narrador, representante do nacionalismo revolucionario, e a trama desemboca na identificación de narrador e destinatario na mesma persoa, de maneira que a crítica é unha autocrítica e a necesidade de acabar co traidor transfórmase nun suicidio. En “Animal” paródiase o trotskismo e en “Ditadura das cousas”, publicado anteriormente en Elipsis e outras sombras (1961), denuncia a sociedade de consumo. O Ourense do s XIX é o escenario de “Xeque-Mate”, relato expresionista que desenvolve o tema do don Xoán, e Vilar de Rei (trasunto de Vilanova dos Infantes, terra natal de Ferrín) é o espazo no que se ambienta “Licor Café”, narración de corte realista e punto de vista múltiple.