crónicas do sochantre, As
Novela publicada por Álvaro Cunqueiro en 1956, que recibiu en 1958 o Premio da Crítica na súa versión en castelán. A narración está ambientada na Bretaña francesa dos tempos da Revolución Francesa, unha terra de pasaxeiros, defuntos, fantasmas e cabaleiros. Nas súas páxinas narra unha curiosa viaxe que o sochantre de Pontivy, chamado Charles Anne Guenolè Mathie de Crozon, realiza polas terras bretonas para participar en Quelvén no enterramento dun fidalgo. O narrador dá abundantes noticias do sochantre: nacido en 1762 e fillo único, ten un ollo de vidro, é orfo de nai desde os 11 anos e culmina a súa paixón pola música (trompeta, danza e bombardino) aos 22 anos cando figura como sochantre na capela de Pontivy e hóspede na casa da viúva madame Clementina Marot. A viaxe do sochantre realízase nunha carroza na que vai acompañar un grupo de defuntos que de noite recuperan a súa forma esquelética: son o Coulaincourt de Bayeux, Clarina de Saint-Vaast (a única muller do grupo), Guy Parbleu, Jean Pleven, monsieur de Nancy, o médico Sabat e Mamers o coxo, o condutor da carroza. Cada un deles contará, como especial castigo e penitencia, ao resto de personaxes a maneira e os motivos da súa morte e unha pequena biografía. A estrutura, moi cultivada por Cunqueiro, supón a conversión, no caso dos defuntos, de narratario en narrador, de receptor de historias no seu contador. Dos defuntos, Clarina padeceu de desamor e, ao non poder unir a súa vida á do seu amado, opta por casar co cabaleiro de Saint-Vaast antes de morrer envelenada. O sochantre durante a viaxe parece namorarse desta muller. Pleven morre como castigo por asasinar uns condes. Coulaincourt, en certa medida o xefe da expedición e xa inmortalizado nas historias de cego, morre fusilado por violar unha nena e por ter tratos cun demo (Ismael Florito), que consegue ter un fillo con Catalina de Erquy. M. de Nancy morre como castigo por non executar un xudeu cando substituíra como verdugo a monsieur de Nancy. Sabat, logo de traballar para o demo Salomón Capitán, atopa a morte por causar o pasamento dun xastre. Pola súa parte, Mamers morre aforcado en Le Croisic. O narrador-editor declara encontrar estas crónicas na casa de madame Clementina, a caseira do sochantre, e colle delas o máis esencial. O narrador ofrece coidadas e fidelísimas descricións dun territorio -o da Bretaña- que naquela época Cunqueiro aínda non coñecía e que en non poucos aspectos presenta un claro parentesco con Galicia. Pasados tres anos, o sochantre volve á casa e recíbeo quen o substituíra no coro e nos enterros, xustamente un tío de Mamers o coxo. Os personaxes protagonistas, confundidos nunha vila da Bretaña francesa por cómicos, terán que representar a peza Función de Romeo e Xulieta, famosos namorados. Trátase dun paso único en catro escenas ambientado na praza de Verona, sitiada polos suízos. Como case é de noite, os actores ocasionais deveñen esqueletos e provocan nos espectadores unha verdadeira escorrentada. Os viaxeiros viven outras curiosas aventuras: unha emboscada, a práctica da guillotina, a estadía do sochantre en Bagnoles, etc. O libro remata con dous apéndices: o primeiro contén o conxunto de individuos aparecidos no libro, mentres o segundo ofrece noticias de Ismael Florito: ao saír do inferno, é aprendiz de xastre, viaxa ata Polonia e Inglaterra e entra en contacto co de Coulaincourt. Cando abandone o cárcere, onde está por amoedar en falso, ten pensado volver á costura.