Crónica Xeral e Crónica de Castela

Crónica Xeral e Crónica de Castela
[HISTORIOG]

Texto galego que se conserva completo no manuscrito 8.817 da Biblioteca Nacional de Madrid. Está composto por dous códices, primitivamente independentes, que xa estaban unidos no s XIV. O primeiro códice (folios 1-88) é unha tradución da Versión amplificada en 1289 da Estoria de España de Afonso X e o segundo da Crónica de Castilla (folios 91-229) e da Crónica Particular de S. Fernando (folios 230-265); os folios 89v-90v conteñen unha versión refundida do Liber Regum. A parte primeiramente traducida foi a Crónica de Castela, que comeza coa unión de León e Castela, con Fernando I (1037), e chegaba nun principio ata o regreso de Fernando III de Jaén (1230), ao saber da morte de Afonso IX de León, é dicir, ata a unión definitiva dos reinos de León e Castela. A continuación, o tradutor acrecentou un capítulo (folios 229r-230) para referirse brevemente aos últimos anos do reinado de Fernando III e aos reinados posteriores ata Fernando IV. Despois riscouse este capítulo e acrecentouse con datos referentes ao resto do reinado de Fernando III ata a súa morte coa tradución da Crónica Particular de S. Fernando. No último folio volveuse colocar todo o resumo riscado nos folios 229-230, feito que indica que se concluíu a tradución no reinado de Fernando IV (1295-1312). Como introdución a esta segunda parte, nos folios 89v-90v aparece unha tradución, con interpolacións e cunha letra diferente, do Liber Regum, na que se fai unha breve referencia aos acontecementos anteriores a Fernando I, época na que comeza a Crónica de Castela. Unha vez vertida a segunda parte, e en función dela, fíxose a tradución da primeira (folios 1-88), que tamén se conserva no manuscrito 2497 da Biblioteca Universitaria de Salamanca (de finais do s XIV), con 137 folios. Nesta parte atópase a versión da Estoria de España desde Ramiro I de Asturias ata a morte de Vermudo III de León (842-1037). Esta versión fíxose sobre o manuscrito E2c da Biblioteca de San Lorenzo de El Escorial (manuscrito X-i-4), que inicialmente comezaba no reinado de Ramiro I e chegaba ata unha parte do reinado de Afonso VI. O tradutor só traduciu do manuscrito castelán ata a morte de Vermudo III, que é onde comezaba a Crónica de Castela. Conta con todo detalle a historia dos reis de León-Castela, desde Ramiro I ata Fernando III, con máis ou menos extensión segundo a súa importancia do reinado e sempre desde a perspectiva da historia de Castela. A ela engádenselle datos do Imperio Carolinxio, a lista dos papas, os condes de Castela, os reis de Navarra, Aragón e Portugal e a historia dos árabes. Non é o relato frío dos acontecementos, mais si unha historia viva, que trata de reflectir a vida diaria, incorpora os diálogos entre os personaxes, une a fantasía á realidade e ten en conta tanto textos históricos coma literarios. Aparecen moitos episodios cabaleirescos ou da vida cortesá, trobadoresca e familiar, mesturados con intrigas, fábulas, lendas, traizóns, anécdotas, espionaxes e elementos relixiosos. Lémbrense os episodios de Bernaldo do Carpo, Fernán González, os Infantes de Lara, García Fernández (e a Condesa Traidora), García de Castela, Sancho III de Navarra e os seus fillos, Afonso I de Aragón e dona Urraca, Ramiro I de Aragón, Velido Dolfos e Sancho II no cerco de Zamora, a Mora Zaida, Luís de Francia, Afonso VIII e a xudía de Toledo, Fernando II de León e Afonso Henriques, García Pérez de Vargas ou Diego Machuca, así como a inclusión completa do Cantar de Mio Cid. Asístese a grandes feitos de armas, como a Batalla de las Navas de Tolosa ou a conquista de Sevilla, ou á penetración da influencia francesa na corte de Afonso VI. Cóntanse con solemnidade episodios inxenuos, como o ataque dos mouros aos navarros e a lanzada que lle dan no ventre á raíña, que estaba preñada e que, antes de morrer, pare un fillo que nace pola ferida da lanza (folio 77aR). Aparecen moitos episodios de intenso dramatismo, como o famoso pranto de Afonso VI pola morte do seu único fillo, e numerosas pasaxes hiperbólicas: “corren ríos de sangue”, “o río vai tinto de sangue”, “treme toda España”, etc. Tamén é frecuente a intervención do elemento relixioso: aparición do Apóstolo Santiago nas batallas cun exército de anxos, aparición de san Pedro ou san Lázaro ao Cide, etc. O recurso á fantasía é nesta obra unha constante, como a razón pola que os reis de Navarra se chaman Abarca ou por qué o cabalo do Cide se chama Babeca, o episodio da baba de Afonso VI estando na corte do rei mouro de Toledo, a perda do poder físico dos cabaleiros de Afonso VI por entraren a miúdo nos baños ou as tentativas de procurar a etimoloxía das palabras. É unha obra de grande importancia na historiografía peninsular por ser un dos textos galegos en prosa máis arcaicos, porque se utilizou integramente na Crónica Geral de 1344 portuguesa e na Crónica de 1404 galega, polo seu valor lingüístico e tamén do punto de vista literario, pois ao lado de páxinas puramente descritivas, conta con numerosos capítulos amenos e dunha gran vivacidade.

Palabras veciñas

Crónica del Trabajo, La | Crónica Historia | Crónica Literaria | Crónica Xeral e Crónica de Castela | Crónica, La | Crónica, La | crónicas do sochantre, As