Crónica Historia

Crónica Historia
[LIT]

Texto galego do s XIV que se conserva no manuscrito 10.233 da Biblioteca Nacional de Madrid, ao que lle falta o primeiro caderno (con 8 folios). É unha tradución da Crónica Troyana castelá de Afonso XI e foi mandada traducir polo conde Fernán Pérez de Andrade o Bo. Fíxose en Betanzos ou Pontedeume, no escritorio de Fernán Martís, capelán do conde, e concluíuse o 20 de xaneiro de 1373; no proceso de copia interviñeron, amais do crego, outros escribas. Entre 1155 e 1165 Benoît de Sainte-Maure escribiu en Francia o Roman de Troie, obra en verso que comeza coa conquista do vélaro de ouro e remata coa morte de Ulises, seguindo textos latinos que contiñan refundicións dos textos épicos gregos e adaptando a historia ao gusto medieval. Do texto en verso fixéronse versións en prosa, que chegaron á Península, pero, xunto a elas, o poema de Sainte-Maure tamén circulou por Castela (utilizouse, por exemplo, na General Estoria de Afonso X) e por Portugal (ou Galicia), onde se fixo unha versión, hoxe perdida, de todo o poema. De feito, cando Afonso XI mandou traducir a Crónica Troyana, non utilizou o poema francés, senón que empregou esta versión portuguesa (ou galega) perdida. Como Fernán Pérez descoñecía esta versión portuguesa, mandou traducir o texto castelán para o galego. Alén da Crónica Troiana, coñécese a chamada Historia Troiana, conservada nun manuscrito bilingüe da Biblioteca Menéndez y Pelayo de Santander, que está incompleto e que só conserva 220 folios (140 escritos en castelán e 80 en galego). Parece que, partindo da existencia dun manuscrito castelán do XIV, mutilado en moitos lugares, alguén tratou, no mesmo século, de completar o texto escribindo en galego o que faltaba e intercalándoo no lugar correspondente, pois, en xeral, o comezo dos folios en galego enlaza co final dos folios en castelán e viceversa. A versión galega deste manuscrito interpolou ao principio e en lugares diferentes da primeira parte varios episodios tomados da General Estoria castelá (feitos anteriores á Guerra de Troia e á expedición dos argonautas, nacemento e xuízo de Paris, historia de Oenone e Paris, infancia de Aquiles e o sacrificio de Ifixenia). Comparándoo co Roman de Troie, pódese dicir que o tradutor segue con bastante fidelidade o texto francés, sen chegar a un servilismo total, pois acomoda o verso ás características da prosa e traduce ás veces con enteira liberdade. Moitas veces o resultado é vulgar e pérdese a altura poética do orixinal, mais tamén aparecen pasaxes onde se mellora o roman francés. A Crónica (Historia) Troiana é un texto fundamental da literatura medieval, porque presenta en galego, do punto de vista particular da Idade Media, todo o mundo da Ilíada e da Odisea e doutros poemas épicos gregos perdidos, descrito segundo as refundicións da época tardía, que desfiguran a historia de Homero e dan unha interpretación diverxente e oposta á primitiva. Seguindo estas versións, faise unha historia completa de todo o proceso da Guerra de Troia, desde a fundación da cidade, o xuízo de Paris e os argonautas ata a morte de Ulises ás mans de Telégono, pasando polas vicisitudes sufridas por Menelao, Agammenon, Eneas, Orestes e outros heroes posteriores á destrución de Troia. Na Crónica aparece unha visión imaxinaria do mundo antigo, visto desde unha perspectiva totalmente medieval, con moitos elementos de orixe épica, como a descrición das armas e dos combates, as embaixadas, os consellos de guerra, os eloxios dos heroes, etc. Resalta a descrición das batallas, sobre todo a segunda, que ocupa moitas páxinas, sumándolles aos feitos de armas elementos do mundo cortés e do amor cortés, cun predominio da casuística psicolóxica (abundante uso do monólogo por parte dos namorados) e unha extraordinaria importancia do mundo feminino, moitas veces dominado polo fatalismo. A Crónica destaca pola inclusión de numerosas parellas amorosas, como Medea e Xasón, Andrómaca e Heitor, Helena e Paris. Tamén está o amor de Pentasilea por Heitor, o amor imposible de Aquiles por Políxena e, especialmente, os amores de Briseida e Troilo, coa traizón da doncela, que abandona o namorado e acepta o amor de Diomedes. Outra cousa que cómpre salientar é a riqueza con que se describen os acontecementos, con moitos elementos exóticos e marabillosos; dáselles entrada aos seres imaxinarios e mitolóxicos, como os saxitarios, as amazonas, as meigas ou as sereas e descríbense cámaras encantadas ou episodios cheos de mundos fascinantes e de feitizos. A isto hai que lle engadir o constante anacronismo na representación da antigüidade: as cidades, as comidas, os costumes, a organización militar, as crenzas, as institucións, os sentimentos son sempre medievais; o mundo cortés únese ao mundo da cabalería; dáse unha continua transposición da relixión cristiá sobre a pagá e fanse aparecer na antigüidade arcebispos, bispos, conventos de frades e monxas, igrexas consagradas aos deuses; celébranse funerais e aniversarios polos heroes mortos; úsanse cualificativos ponderativos do tipo “cabalos de Aragón”, “escudos de Saragoza”, “helmos de Pavía”, etc. A Crónica é o máis importante da prosa galega medieval.