Cruces Angueira, Fortunato
Xornalista e poeta. En 1885 emigrou a Arxentina onde exerceu como comerciante e corredor de comercio. Traballou nas oficinas do xornal El Municipio. En abril de 1890 fundou en Rosario a asociación Fillos de Rois e empregouse nunha escribanía en Bos Aires ata 1907, ano no que creou a súa propia procuraduría. En febreiro de 1891 fundou e dirixiu en Barracas o semanario La Justicia e, catro anos despois, o Centro Galego desta localidade. En 1898 fundou o semanario Correo de Galicia, dirixido por Juan González Montenegro, e en outubro de 1901 saíu á rúa o primeiro número da revista Nova Galicia, que dirixiu ata 1951. En 1904 foi un dos fundadores do Banco de Galicia. Colaborou moitas veces baixo os pseudónimos F.C. de Vetroles, Vetroles Cañiza e Xán d-a Cañiza, nos xornais El Día, El Correo Gallego, El Heraldo Cristiano, Diario Gallego, Acción Española, Sud América, Faro de Vigo e a revista Galicia. A súa obra lírica saíu do prelo entre 1893 e 1898 en diversos xornais (El Eco de Galicia, Páginas de España e El Diario) e nos libros Primeiras Follas (1898), Almanaque de Galicia (1909), Castañolas: Contos, cartas, descursos, cantares e outras cousas (1913) e Cousas Galegas (1923). Deixou dúas obras inéditas: Caludiña e Temas Camperos. Foi membro honorario de Fillos de Calo e do Centro de Ribadeo, socio honorífico dos centros galegos de Montevideo, Rio de Janeiro, México e La Habana. En 1949 nomeárono fillo predilecto da súa vila natal e en 1958 membro honorario do Círculo de la Prensa de Bos Aires.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Lestrove, Dodro -
Deceso
Lugar : Bos Aires