cruces de pedra na Bretaña, As

cruces de pedra na Bretaña, As
[LIT]

Opúsculo da autoría de Afonso Daniel Rodríguez Castelao que apareceu en 1930, publicado co selo editorial do Seminario de Estudos Galegos en Santiago de Compostela. Elaborouno a partir dos datos recollidos nun traballo de campo en Bretaña, ao que incorporou máis de 150 láminas como material de ilustración. Foi Valentín Paz Andrade quen, na viaxe que fixo á Bretaña francesa en 1927, informou a Castelao (nalgunhas cartas escritas dende Lorient e outras vilas bretonas) das semellanzas entre os cruceiros galegos e os calvaires bretóns. Interesado no tema, os seus amigos de Pontevedra conseguiron que a Junta de Ampliación de Estudios lle concedese a Castelao unha segunda bolsa de viaxe que lle permitiu -acompañado esta vez da súa dona, Virxinia- percorrer as terras da península de Armórica no ano 1928. Visitou, así, Bretaña e estudiou menhires, dolmens, megalitos e cruceiros (calvaires) de diverso tipo: primitivos, simples, púlpitos, multifigurativos, etc. Cómpre ter en conta que xa dende comezos dos anos vinte iniciou un traballo de investigación sobre as cruces de pedra ou cruceiros, un cobizoso proxecto que tivo nesta obra un primeiro e breve capítulo e que rematou -finado xa Castelao no exilio en Bos Aires- coa publicación da súa obra As cruces de pedra na Galicia en 1950.

Palabras veciñas

Cruces | Cruces | Cruces Angueira, Fortunato | cruces de pedra na Bretaña, As | cruces de pedra na Galiza, As | Cruces, As | Cruces, Santa María de