Cruz Vermella Internacional e Movemento da Media Lúa
Organización internacional non gobernamental de carácter humanitario fundada en 1863 para auxiliar os militares feridos nas contendas bélicas. Co paso do tempo ampliou o seu ámbito de actuación á asistencia dos prisioneiros de guerra, ás víctimas das guerras civís ou desastres naturais, á atención sanitaria e á axuda a persoas incapacitadas. A súa fundación produciuse na Convención de Xenebra de 1863 baixo a iniciativa de Henry Dunant. Entendeuse como unha organización neutral encargada do coidado dos feridos nos campos de batalla. Os principios da Convención sobre o seu funcionamento aínda seguen en vigor: humanidade, imparcialidade, neutralidade, independencia, carácter voluntario, unidade e universalidade. A creación da Media Lúa Vermella tivo lugar en 1929 como consecuencia da aversión que se tiña nos países islámicos á cruz latina vermella dende os tempos das cruzadas e que nalgúns casos, como na guerra que en 1876 enfrontou a Montenegro, Serbia, Romanía e Turquía, orixinou dramáticas confusións. A organización da Cruz Vermella ampliou as súas funcións progresivamente por medio de tres convencións internacionais desenvolvidas en Xenebra. A Convención de 1906 recolleu a protección ás víctimas nos casos das guerras marítimas e dos naufraxios; a Convención de 1929 protexeu os prisioneiros de guerra e a Convención de 1949 ampliou a protección aos civís nos territorios controlados polo inimigo. En 1977 volveuse actualizar a Convención e introducíronse emendas en dous protocolos, incluíndo o novo armamento empregado nas guerras. Tamén se recolleron medidas tendentes a protexer as víctimas de crimes de guerra, torturas, deportacións, refuxiados, etc. Estrutúrase en dous corpos que traballan no marco internacional: o Comité Internacional da Cruz Vermella, sucesor directo da organización fundada en 1863, e a Liga das Sociedades da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella, fundada en 1919 e que cambiou o nome polo de Federación Internacional, integrada por 165 sociedades estatais que traballan en tempos de paz en tarefas humanitarias. A Cruz Vermella Internacional recibiu o Premio Nobel da Paz en 1917 e 1944. Ademais, en 1963 concedéuselle o Premio Nobel da Paz ao Comité Internacional da Cruz Vermella e á Liga das Sociedades da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella.