Cruz y Raya

Cruz y Raya

Publicación mensual que se editou en Madrid entre abril de 1933 e xuño de 1936. Subtitulada “Revista de afirmación y negación” e inspirada nos intelectuais católicos franceses Maritain e Mounier, estivo dirixida por José Bergamín. Nas súas seccións “Cristal del tiempo” e “Documentos” apareceron artigos relacionados coa situación política, social e intelectual daqueles anos. Incluíu diversas colaboracións e ensaios de carácter literario e filosófico, na liña das correntes católicas vangardistas de esquerdas que querían distanciarse do sector católico máis conservador. Ademais, inseriu textos de diversos autores de ideoloxía cristiá ou antoloxías de clásicos españois. En 1935 tirou do prelo un número especial dedicado a Lope de Vega.