cruzabico
(< cruzar + bico)
-
s
m
[ANIMAL/ORNIT]
Ave do xénero Loxia, pertencente á familia dos frinxílidos, de aspecto groso, coas mandíbulas do peteiro cruzadas, alas e cola, que é gallada, de cor negra, e o resto da plumaxe de cor vermella nos machos ou verde acastañada nas femias.
-
cruzabico cabezón
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 17 cm de lonxitude, coa cabeza e o pescozo moi grosos, peteiro arredondado, cos bordos de cor branca. É unha especie sedentaria da taiga do N de Europa.
-
cruzabico común
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 16 cm de lonxitude, propia de bosques de piñeiros, abetos e alerces da franxa boreal de Norteamérica, Europa e Asia. Na Península Ibérica constitúe unha especie sedentaria e habita principalmente en masas forestais de repoboación e bosques naturais de piñeiro rubio, piñeiro carrasco e piñeiro negro, ademais de bosques de abetos. As poboacións do N de Europa poden desprazarse de xeito masivo cara ao S cando escasean os piñóns.
-
cruzabico escocés
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 16 cm de lonxitude, sedentaria dos bosques de piñeiro rubio do N de Escocia.
-
cruzabico faixado
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 15,5 cm de lonxitude, cunha dobre franxa nas ás de cor branca. Cría entre o N de Finlandia, Suecia e Noruega, en bosques de alerces e inverna nos Países Bálticos.