cruzado -da

cruzado -da

(< cruzar)

  1. p reg

    de cruzar ou cruzarse.

  2. adx
    1. Que está colocado en forma de cruz ou disposto transversalmente.

      Ex: Estivo coas pernas cruzadas toda a tarde. Éche incorrixible, sempre che deixa o coche cruzado no medio da rúa.

    2. [HERÁLD]

      Aplícase á pezas ou figura que remata en cruz.

  3. adx

    Que dispón do ancho suficiente para poñer un dianteiro sobre outro.

    Ex: Para ir á festa el puxo a chaqueta azul cruzada e ela a saia branca cruzada.

  4. adx
    1. Que denota ou implica cruzamento.

    2. [BIOL]

      Que é resultado da reprodución sexual entre individuos de distinta especie ou entre individuos da mesma especie pero con características xenotípicas distintas.

      Ex: Trouxéronnos un can cruzado de pastor belga e pastor alemán.

    3. [BOT]

      Aplícase ao tipo de polinización no que o pole que chega ao pistilo dunha flor procede doutra.

  5. s [HIST]

    Individuo que participaba nunha cruzada. Distinguíase por unha cruz de tea cosida nas súas roupas, símbolo do voto de obediencia á Igrexa.

  6. s m [NUMIS]
    1. Moeda de ouro portuguesa medieval e moderna. Pesaba 3,51 g e a súa lei era de 23,75 quilates. Nas Cortes de Torres Novas de 1525 e 1535, co Rei Xoán III, ordenouse a redución da lei a 22 quilates.

    2. Moeda de prata portuguesa de 480 reais cuñada en 1750.

    3. Moeda castelá de billón cuñada por Enrique II de Castela ante a necesidade de efectivo para pagar a Bertrand Duguesclin, pola axuda prestada contra o irmán do monarca, don Pedro. No anverso loce cabeza coroada e no reverso unha cruz.

    4. Moeda de ouro castelá que presentaba nunha cara o rei coroado e noutra dous leóns e dous castelos enfrontados.

  7. ligamento cruzado [ANAT]

    Ligamento que reforza a articulación do xeonllo. Distínguense dous ligamentos cruzados: o anterior, que vai dende a crista da tibia ao cóndilo externo, e o posterior, que vai dende a parte traseira da crista da tibia ata o cóndilo interno.

Palabras veciñas

cruzabico | cruzada | Cruzada, La | cruzado -da | Cruzado, El | cruzamento | cruzar