Ctesifonte
Capital do imperio dos partos, na ribeira esquerda do Tigris, ao S do actual Bagdad. Na súa orixe foi un campamento militar parto, establecido preto da cidade de Seleucia, despois foi residencia de inverno dos monarcas partos e, finalmente, a súa capital. Conquistada por Traxano (116), Septimio Severo incendiouna (197) e no 224 foi conquistada por Ardašir, quen iniciou a dinastía sasánida. Destruída novamente polo emperador bizantino Heraclio (628), a cidade caeu nas mans dos árabes durante o goberno de Omar (636). Do seu patrimonio destaca o palacio real, un dos monumentos arquitectónicos máis importantes da cultura sasánida. De planta rectangular, caracterízase por un enorme iwan ou sala de audiencias públicas do monarca, cuberta por unha bóveda de sección elíptica construída con ladrillos macizos. A fachada articúlase por medio de arcos cegos e pilastras pegadas. Puido ser construído por Shapur I (s III) ou por Cosroes II (s VI). Durante a Primeira Guerra Mundial sufriu numerosos ataques.