Cuadernos Ateneo Ferrolán
Boletín editado polo Ateneo de Ferrol a partir de marzo de 1980 e dirixido por Xosé A. Ponte Far. Inclúe numerosos artigos sobre autores galegos e información sobre publicacións, ciencias e humanidades, teatro, cine, música e artes plásticas. Contou coas colaboracións de Francisco Fernández del Riego, Xosé Neira Vilas, Manuel Lueiro, Ánxel Fole, García-Sabell, Paz Andrade, Ramón Piñeiro, Carballo Calero, Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo, Xavier Costa Clavell e Manuel Colmeiro, entre outros. A partir do outono de 1981 converteuse nunha publicación monográfica editada anualmente. No seu primeiro número reimprimiuse o libro de poesía Fardel de eisilado, de Luís Seoane, e o boletín de 1983 dedicouse á obra de Lorenzo Varela, Luís Seoane e Rafael Dieste. Os seguintes números ofreceron información sobre a historia do Ateneo, a arte e a xeografía urbana da cidade e a figura de Concepción Arenal, entre outros temas.