Cuadernos del Norte
Publicación bimensual editada a partir de marzo de 1980 en Oviedo e subtitulada “Revista cultural de la Caja de Ahorros de Asturias”. Dirixida por Juan Cueto, contaba coas seccións “Los cuadernos del pensamiento”, “Los cuadernos del cine”, “Los cuadernos de arte”, “Literatura”, “Poesía” e “Música”, entre outras. Colaboraron nela Camilo J. Cela, Torrente Ballester, Alarcos Llorach, Juan Marsé, Vicente Verdú, etc. Ademais de dedicar o seu primeiro monográfico a Prisciliano, na sección “Los cuadernos de poesía” publicáronse os traballos “Más que negras sombras”, de Álvaro Cunqueiro; dous especiais sobre este escritor no ano do seu falecemento e, en 1986, coa colaboración de José Doval e José Díaz Jácome, algúns textos inéditos do propio Cunqueiro, como “Sobre ángeles y demonios” e “Los papeles del barón Dunsany”, á parte das pezas teatrais Juan, el buen conspirador e La sentenza dorada.