Cuadrado Moure, Arturo
Editor, político, escritor e xornalista. Comezou a súa actividade intelectual como colaborador de diversos xornais e revistas (El Pueblo Gallego, El País Gallego, El Sol, Política e Yunque). Fundou e dirixiu o semanario humorístico Don Claro, a revista de creación poética Resol e a editorial e librería Niké, en colaboración con Juan Jesús González, que deu ao prelo obras de Rafael Dieste, Antonio Ramos ou Manuel Fuentes Jorge. Baixo o selo Resol editou as primeiras obras de Álvaro Cunqueiro. Foi segundo secretario do Estatuto de Autonomía e, como tal, recibiu o encargo de levalo a Madrid para a súa aprobación en xullo de 1936. Durante a Guerra Civil foi comandante do Exército do Leste. Trala contenda exiliouse a Bos Aires, onde foi unha das figuras esenciais da recuperación cultural de Galicia. Fundou e dirixiu, en compañía de Luís Seoane, as editoriais Emecé, Nova, Botella al Mar, Dorna, Hórreo, Pomba e Camiño de Santiago, entre outras, que se converteron no principal medio difusor da cultura galega durante algúns anos coa publicación de máis dun centenar de libros de autores galegos. Dirixiu a revista Galicia emigrante, xunto con Luís Seoane e Lorenzo Varela; El Correo Literario, na que colaboraron escritores como Rafael Alberti, Rafael e Eduardo Dieste, Ernesto Sábato, Borges ou Julio Cortázar; e o semanario Galicia, órgano da Federación de Sociedades Galegas. Colaborou en múltiples revistas (De mar a mar ou Nova Galiza) e publicou, entre outras obras, os poemarios Aviones!: poemas de la guerra (1937); Soledad imposible (1952), con debuxos de Luís Seoane; Canción para mi caballo muerto (1963); Ola indecisa (1970), con gravados en madeira de Luís Seoane; e Amor sin amor (1981), con debuxos de Norberto Parrondo; e a obra en prosa Noticias para una noticia (1965).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Dénia, Alacant -
Deceso
Lugar : Bos Aires