cuarzo
(
Dióxido de silicio, de fórmula SiO2. Cristaliza en dous sistemas cristalinos dependendo da temperatura: por riba dos 573°C no sistema hexagonal e por debaixo dos 573°C no sistema trigonal. Presenta unha exfoliación pouco clara e fractura concoidal. Ten unha dureza 7 segundo a escala de Mohs e unha densidade de 2,65 g/cm3. A miúdo é incoloro ou branco, aínda que na práctica presenta moitas tonalidades. Os cristais poden variar dende os 130 kg, que acadan os máis grandes, ata outros submicroscópicos. A este tipo de cristais pertencen as variedades: calcedonia, de cor acastañada ou gris, da que existen filóns en Maceda, en cantos do curso baixo do Miño e asociada ao uranio en Friol; ágata, que presenta bandas de cores distintas e ten consideración de pedra semipreciosa; xaspe, de cores rechamantes, sobre todo vermellas, laranxas e amarelas; sílex, de cores agrisadas; e o ópalo, caracterizado polos reflexos internos e que ten consideración de pedra semipreciosa. Tralos feldespatos, constitúe o segundo mineral máis abundante da codia terrestre, concretamente o 12% do seu volume, e está presente en case que todas as rochas; nalgunhas, como a cuarcita, é practicamente o único mineral. Tamén forma parte de rochas plutónicas, como o granito, e volcánicas, como as riolitas. Compórtase de xeito estable en ambientes sedimentarios, nas praias, e en materiais xa consolidados, como areentas. Aparece en rochas de orixe orgánica, como a diatomita, ao formar parte das envolturas ríxidas dalgúns microorganismos mariños. Os filóns de cuarzo aparecen asociados a moitas vetas doutros minerais cobizados polo home. A súa utilidade é moi diversa; emprégase na construción e nas industrias do vidro, das cerámicas e de materiais refractarios, na elaboración de filtros e como abrasivo. Debido á súa dureza úsase tamén en muíños, tanto no ámbito industrial como en pequenos instrumentos de laboratorio. As variedades de gran de cristais ínfimos e cores vivas tállanse e púense para utilizarse como pedras ornamentais e en xoiería. Polas súas propiedades piezoeléctricas utilízase para medir e controlar a frecuencia dos impulsos ou vibracións eléctricas e ten diversas aplicacións na electrónica e na fabricación de placas fotovoltaicas. Tamén é fundamental nas aliaxes de aluminio, na fabricación de aceiro e na obtención de siliconas. En Galicia existen numerosos filóns de cuarzo de aproveitamento mineiro, entre os que destacan: o filón do Barqueiro, na península de Estaca de Bares, de 10 km de lonxitude; o material extraído, unha vez tratado, expórtase a Francia e Noruega dende o porto de Celeiro; o filón de Landoi, que mide 6 km e se estende dende Cedeira ata Ortigueira, explotado ata finais do s XX, con saída nos portos de Ferrol e Cariño; o filón de Nenos, de 3 km de lonxitude, situado en Narón, (xa se abandonou a súa explotación) e que tiña como saída o porto de Ferrol; os filóns do Tambre, que produciron un millón de toneladas de cuarzo para aliaxes de ferro en fornos galegos ou para a exportación cara a Noruega e Suecia, que tiñan saída por Vilagarcía de Arousa; o filón do Pico Sacro, de 20 km de lonxitude, do que se extrae material para fornos galegos e para a exportación; e o filón de Vilavella, de 7 km de lonxitude, situado na Mezquita e que se exportaba dende o porto de Vigo. Na Pobra do Caramiñal extráese cuarzo rosado. Ademais dos filóns, tamén se aproveita o cuarzo en forma de gravas, como no caso do monte de Santa Lucía, en Carballo; as graveiras de Cecebre, en Bergondo; as de San Amaro, en Frades; ou as do río Ladra, en Begonte.