Cuenca

Cuenca

Cidade e capital da provincia homónima, na Comunidade Autónoma de Castela-A Mancha, situada na confluencia do río Júcar co Huécar, nos contrafortes occidentais do Sistema Ibérico (43.733 h [1996]). A cidade está situada nun outeiro da marxe esquerda do río Júcar, que desde o s XIX se vai estendendo cara á chaira; conserva o núcleo antigo constituído por unha rúa, paralela aos ríos, con casas colgadas sobre o acantilado calcario, que se converteron nun símbolo para a cidade. É un importante centro administrativo, así como mercado agrícola e forestal. A actividade industrial é escasa, nela destaca o sector alimentario e a elaboración de madeira. Nos últimos anos adquiriu grande importancia o turismo. As primeiras informacións sobre a cidade datan das crónicas musulmanas do ano 784. En 1177 Afonso VIII reconquistóullela aos árabes, coa axuda doutras forzas cristiás. En 1189 converteuse en sé episcopal. Durante o s XVI a cidade foi cabeceira dun dos distritos gandeiros da Mesta, e a decadencia desta afectouna considerablemente. Saqueada polos franceses en 1808, foi reconquistada pouco tempo despois polas forzas de Juan Martín Díaz o Empecinado. Pertenceu ao bando republicano durante a Guerra Civil española. A cidade conserva restos do castelo musulmán e das murallas medievais. Na arquitectura relixiosa destacan a catedral gótica (XII-XIII) e as igrexas de San Felipe Neri, San Pedro e San Antonio. Na arquitectura civil sobresaen o edificio do concello, a casa da Misericordia (1777), o hospital de Santiago e as Casas Colgadas (s XVI). Entre as institucións culturais cómpre salientar o Museo Arqueológico, o Museo Diocesano e o Museo de Arte Abstracto Español. A UNESCO declarou a cidade antiga Patrimonio da Humanidade (1996).